Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada da Xunta entregou equipamento dotacións do parque empresarial de Cuíña en Cervo

CERVO .- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou hoxe o parque empresarial de Cuiña, en Cervo, para facer a entrega oficial ao concello das dotacións deportivas executadas por Xestur, xunto co equipamento social e os viais. A delegada estivo acompañada polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, así como por persoal técnico de Xestur.

En conxunto, o custo destas actuacións ascende a 1.080.555 euros, dos cales preto de 200.000 euros destináronse á construción dunha pista de pádel, urbanización unha explanada para aparcamentos, e acondicionamento en xeneral da parcela de equipamento deportivo, incluíndo un sendeiro peonil que une ambas zonas.

Así mesmo, construíronse preto de 1,8 quilómetros de viais e tamén se cede ao concello un solar que deberá destinar a usos sociais. Esta parcela ten unha superficie de 11.250 metros cadrados, mentres que o espazo dedicado a equipamento deportivo ascende a 14.500 metros cadrados.

A delegada territorial sinalou que se trata dunha actuación “que mellora notablemente as dotacións do parque empresarial, contribuíndo a facelo más atractivo para as empresas”. Neste sentido, Arias destacou que o polígono consta de 74 parcelas “quedando aínda 20 dispoñibles, que suman unha superficie á venda de máis de 58 mil metros cadrados”.

O parque de Cuiña é un dos oito polígonos empresariais construídos por Xestur na Mariña luguesa. Mide máis de 578 mil metros cadrados e supuxo un investimento superior aos 3,6 millóns de euros.

Raquel Arias sinalou a necesidade de potenciar este tipo de infraestruturas como instrumento de dinamización económica local, dado que a concentración de servizos ofrece numerosas facilidades para a implantación de novas empresas.

Así, a delegada apostou por seguir apoiando a creación e ampliación dos parques empresariais “onde sexa necesario e sempre con criterios de racionalidade, evitando duplicidades innecesarias, pero dando cobertura a todas as demandas”.

Curso para traballadores desempregados

A delegada territorial visitou tamén aos alumnos e alumnas do curso de formación ocupacional sobre ebanistería que se desenvolve na Casa da Administración de Sargadelos.

Esta actividade formativa, dirixida a traballadores desempregados, está financiada pola Consellería de Traballo e Benestar e organizada e impartida polo Centro de Formación Profesional Ocupacional de Viveiro. O orzamento ascende a 115.000 euros.

No curso participan 15 persoas, que completarán 825 horas de formación teórico-práctica en módulos formativos como a elaboración de planos de carpintería e mobles, mecanizado de elementos de madeira y taboleiros, ensamblado de mobles, composicións de chapa e marquetería ou elaboración de presupostos e xestión de compras.

Os alumnos deben seguir tamén dous módulos transversais sobre prevención de riscos e cuestións medioambientais.

O Centro de Formación Ocupacional de Viveiro organiza esta actividade con carácter itinerante, cada ano nunha localidade distinta en colaboración co concello, sendo esta a primeira edición que se imparte en Cervo. Os asistentes que rematen o curso con éxito obterán o certificado profesional de ebanista.

Exit mobile version