LUGO .- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, lembrou hoxe que “na distribución de fondos dos programas de cooperación do pasado exercicio os concellos lucenses gobernados polo PSdeG obtiveron o 47,35% das axudas, sendo os máis beneficiados polo reparto”.
A delegada explicou que obtiveron axuda todos os concellos que a solicitaron, e á hora de establecer a distribución das contías respectáronse escrupulosamente os criterios establecidos nas bases, de xeito que 24 concellos da provincia gobernados polo PSdeG sumaron subvencións por importe de 3,5 millóns de euros, o 47,35% do total asignado á provincia.
Pola súa banda, o 42,4% da contía provincial foi a parar a 33 concellos gobernados polo PP, en concreto 3,2 millóns de euros, e preto de 777 mil euros distribuíronse entre 5 concellos gobernados polo BNG.
A delegada territorial considerou así “sesgadas e manifestamente parciais” as críticas formuladas por alcaldes do PSdeG en Santiago, entre os que había representantes de Lugo, por entender que “non están xustificadas, á vista das cifras desta provincia”. Neste mesmo sentido, Arias tamén aludíu a que, “remontándonos ao ano 2008, co mesmo mapa de gobernos municipais, o desfase favorable aos municipios do PSdeG era aínda máis desequilibrado (62% do total) con relación aos concellos nos que non gobernaban”.
Arias alude ás bases da convocatoria, que basean os criterios de reparto nas características das obras e servizos promovidos pola entidade local e dos colectivos de desempregados aos que dará cobertura a actuación, primando aspectos tales como que os proxectos se axusten ás características das persoas demandantes de emprego do territorio ou se realicen
preferentemente en actividades relacionadas coas novas áreas de emprego.
A Xunta tamén valora nas propostas dos concellos aspectos relacionados coas contratacións a realizar, como que se garanta o emprego durante un período mínimo de traballadores desempregados de longa duración, ou que as ofertas de traballo vaian dirixidas a persoas pertencentes a colectivos con especiais dificultades de inserción laboral.