Site icon Crónica3.com A Mariña

A corporación de Foz aprobou unha moción do BNG para prestar axuda aos autónomos da Mariña

Nota de Prensa

O CONCELLO DE FOZ APROBA UNHA MOCIÓN DO BNG PARA PRESTAR AXUDA AOS AUTÓNOMOS DA MARIÑA

“Nestes momentos deben ser os organismos públicos os que avalen ás empresas e obriguen aos bancos a dar crédito”, afirma González Basanta

Foz, 29 de maio de 2010.- Ante a pasividade dos Gobernos –tanto estatal como autonómico- o BNG de Foz sacou adiante unha moción por unanimidade dos grupos da Corporación de reclamar á Xunta de Galiza poñer en marcha un Plan de apoio aos autónomos da Comarca da Mariña criando dentro do IGAPE liñas específicas de financiamento para circulante e reestructuración de pasivos que permita o acceso dos mesmos ao crédito.

Os dados que ven de facer públicos o Observatorio polo Emprego dependente do Ministerio de Traballo e Asociación Española de Traballadores Autónomos corroboran que no mes de Marzo a destrución de empregos entre aqueles que cotizan no Réxime Especial Autónomo equiparouse en Galiza á media do Estado. A situación tornase máis preocupante se atendemos a que no ámbito da nosa nación a provincia que encabeza a destrucción de emprego autónomo é a de Lugo e dentro desta A Mariña Oriental e A Mariña Central. Tanto é así que no último ano na provincia de Lugo cesaron na súa actividade máis de 6.000 autónomos, a metade dos cales se concentran nas tres comarcas da Mariña.

A este respecto folga dicir que a crise cebouse de xeito moi particular con este colectivo, destacando a desaparición do emprego no sector comercial e da hostalería como consecuencia da caída do consumo, así como aquelas persoas que desenvolvían a súa actividade en ocupación relacionadas co sector da construcción e da promoción inmobiliaria. Agora ben, con independencia dos factores vinculados a sobreproducción, a razón central que explica estes dados é os problemas de liquidez que tiveron que enfrontar os autónomos ao cortarse a billa do crédito e non responder os organismos públicos a resolver esta situación para xerar circulante que permitise que a actividade continuase. Mesmamente hai que ter en conta que o cese da actividade dáse tamén en negocios que mesmamente sendo rendibles non poden facer fronte aos problemas de financiamento.

Aínda así  seguemos a estar diante dunha actividade vizosa tanto no que ten a ver coa man de obra ocupada como no que representa no PIB da Provincia. Só no caso do sector comercial e da hostalería o número de establecementos supera os 10.000 en Lugo representando máis do 15% do PIB do noso territorio. Neste sentido hai que ter en conta que a día de hoxe no réxime especial de autónomos en Lugo seguen rexistrados preto de 20.000 persoas que están a atravesar unha situación de fonda dificultade até o punto que de non mediar unha actuación decidida por parte das administracións poderían correr a mesma sorte daquelas 6.000 persoas aos que nos referíamos no primeiro parágrafo.

O Bloque Nacionalista Galego partindo de que é a Xunta de Galiza, quen ten as competencias plenas en materia de comercio e de hostalería e que a súa vez conta con instrumentos financeiros que permiten bombear crédito ao tecido productivo, demanda un cambio de actitude por parte da mesma de apoio ao sector dos autónomos. Asemade consideramos fundamental que no seu ámbito competencial é necesario tamén que cumpra e obrigue ao cumprimento do establecido na lexislación , no referido ao cumprimento do prazo dos pagos a fin de quen os autónomos non operen como auténticas financeiras e as administracións públicas e a propia empresa privada lle transfira a estes a súa falta de liquidez.

Exit mobile version