Site icon Crónica3.com A Mariña

A concelleira de Facenda de Cervo asegura que a débeda pasou dun 176% a un 107% en dez anos

CERVO .- A concelleira de Facenda do goberno do concello de Cervo, Chelo Gallego asegura que en dez anos reduciuse a débeda dun 176% a un 107% que existe na actualidade, pese ao “boicot” da oposición.

NOTA DE PRENSA

Hoxe case a metade da débeda (1,8 millóns de euros procedentes da segregación con Burela) non xeran intereses o que garante a liquidez e a estabilidade económica do Concello

GALLEGO LÉMBRALLE A ÉSTUA QUE EN DEZ ANOS  O GOBERNO MUNICIPAL LOGROU REDUCIR A DÉBEDA DO 176 AO 107% PESE AO BOICOT DE NACIONALISTAS E SOCIALISTAS

* A capacidade de financiamento municipal incrementouse significativamente na última década ao crear novas taxas que pagan as grandes multinacionais (eléctricas, eólicas, telefonía móbil) e sen ter que acudir ao baleirado dos petos dos veciños

Cervo, 31 de maio de 2010.- A concelleira de Facenda do Goberno municipal de Cervo, Chelo Gallego lembroulle ao único concelleiro nacionalista local que en dez anos, e tal e como acreditan os datos da intervención municipal, o Partido Popular logrou reducir a débeda dun 176%, que herdaron no 1999, a un 107% que existe na actualidade.

Gallego salientou que a devandita redución acadouse grazas ao aumento da capacidade de financiamento local acadada coa creación de novas taxas que se aplican a grandes empresas como as eléctricas, eólicas ou de telefonía móbil, evitando polo tanto repercutir o custe do financiamento local nos  propios veciños, a diferenza das políticas que propugnan e defenden desde o BNG. Ademais nesta última década tal e como puideron percibir os veciños, multiplicáronse os servizos ofertados polo propio concello, coa desprivatización da auga e do lixo, a creación das escolas deportivas, a apertura dos novos centros sociais, e das bibliotecas ou o reforzo do servizo de axuda ao fogar, entre outros.

Chelo Gallego tamén quixo subliñar que mentres que no ano 1999 o conxunto da débeda municipal xeraba unha serie de intereses que facían perigar a estabilidade financeira municipal hoxe a máis os 1,8 millóns de euros que forman parte da débeda en concepto da segregación de Burela non xeran ningún tipo de interese, o que garante a situación económica municipal e evita verse en situacións que si están a acontecer noutros concellos -que ben coñece o BNG- nos que existen problemas de liquidez.

150.000 EUROS MENOS

A edil de Facenda insiste en que o Equipo de Goberno popular está a desenvolver unha política de control de gasto sen reducir ningunha prestación municipal e todo iso, pese aos obstáculos impostos no seu día polo Goberno bipartito da Xunta, que boicoteaba toda actuación en beneficio de Cervo, e a pesares da propia actuación do Goberno central, amparada polo nacionalismo, que recortou en 150.000 euros os ingresos municipais,  tras o recorte operado na valoración catastral do encoro de Rio Cobo e do peirao comercial de Alcoa.

Finalmente a edil do Goberno municipal ironizou ao botar en falta que o BNG non saia en defensa destas grandes multinacionais ás que, segundo Gallego, Estua presta servizos como cobrador do frac, e emprazoulle a manexar as cifras das arcas municipais con maior rigor e menos paixón política, o que lle permitirá concluír que hoxe nos atopamos nunha situación infinitamente mellor que a que herdamos, pese a que o contexto económico e moito peor.

Exit mobile version