Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG rexeita as medidas propostas polo goberno para afrontar a crise

SANTIAGO .- A Confederación Intersindical Galega manifesta o seu máis contundente rexeitamento ás regresivas medidas que vén de propor goberno español e denuncia a pretensión do executivo de facer que sexa a clase traballadora quen pague a crise, mentres que quen nos levou a esta situación, o sistema capitalista neoliberal, que baseou o seu crecemento nun modelo de economía especulativa, mantén intactos os seus beneficios. Estas medidas denotan que quen dirixe a política económica dos estados é, precisamente, ese capital financeiro e poñen de manifesto a covardía e incapacidade do goberno para afrontar reformas estruturais imprescindíbeis non só para frear a crise, senón mesmo para evitar que se reproduza, se cadra con máis crueza.

A CIG manifestou, desde o primeiro momento, que a vía para reducir o déficit público non era nin o incremento dos impostos indirectos nin o recorte do gasto público, porque isto levaría a deteriorar aínda máis as condicións de vida, reducir dereitos e mesmo paralizar en grande parte a actividade económica, dado o retraemento do capital privado, por mor da crise. En troques diso, a CIG afirmou a necesidade de incrementar o investimento público de carácter produtivo e o gasto social para contribuír a reactivar a economía, a xerar emprego e loxicamente a mellorar a calidade de vida dos cidadáns.

Suso Seixo, secretario Xeral da CIG explica que para corrixir o déficit público, a CIG aposta por incrementar os ingresos modificando as políticas fiscais, incrementando os impostos directos sobre as rendas máis altas e sobre o capital, recuperando o imposto de patrimonio, eliminando os paraísos fiscais, combatendo a fraude fiscal centrada fundamentalmente no empresariado e nas profesións liberais. “Hai moitas cousas que facer vía ingresos para controlar o déficit público sen recorrer ao recorte do gasto público, fundamentalmente de caracter social”.

Seixo sinala en todo caso a posibilidade de recortar gasto público na administración eliminando a súa duplicidade e mantendo só a administración autonómica naquelas materias nas que estean transferidas as competencias e eliminando gastos superfluo que hai no ámbito dos ministerios e das consellarías, en materia de propaganda, entre outras.

Porén, a CIG denuncia que as medidas que se están a adoptar son xustamente as contratrias, redución dos salarios dos empregados/as públicos ou conxelando as pensións, cando o propio goberno ten recoñecido que son moi baixas e cando no caso galego son as máis baixas do estado. “É redundar no recorte de dereitos precisamente naqueles sectores que xa de por si son os que están pagando as consecuencias máis duras da crise económica”.

Control da economía especulativa

A CIG denuncia que, entre mentres non se fixo nada para controlar os mercados financeiros, permitindo que a banca privada -que recibiu fondos públicos e recursos dos bancos centrais a prezos de saldo- utilice agora eses recursos para especular nos mercados financeiros. Unha situación, afirma o secretario xeral da CIG, que “denota quen dirixe a política económica dos estados, que é ese capital financeiro e ese capital especulativo” e que pon de manifesto “a covardía deses gobernos que por unha banda anuncian ou recoñecen que a crise económica ten moito que ver con este papel que están a xogar o capital especualtivo e o fomento da economía especulativa pero logo non adopta ningún tipo de medida para combatela”.

As federacións da área pública anuncian mobilizacións e non desbotan sequera a folga

As federación da área pública da CIG (Administración, Sanidade e Ensino), diante destas medidas fan ademais un chamamento aos empregados e empregadas públicas á mobilización e non desbotan ningún tipo de medida, incluída a convocatoria de folga.

Desde a federación da Administración denuncian que a crise se está a cebar cos empregados/as públicos que nunha grande porcentaxe non alcanzan sequera os 1.000 euros, que levan anos acumulando unha perda de poder adquisitivo, nun 12% de media, por mor das políticas de conxelación salarial e que agora, aínda por riba, verán recortados os seus salarios nun 5%.

Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino afirma que “estas medidas van deteriorar aínda máis a prestación dos servizos públicos” e que se está poñendo en marcha unha política gravísima de “adelgazamento da administración educativa”.

Por iso, asegura que “non estamos dispostos a asumir estas medidas baixo ningún concepto” e anuncia que se emprenderán mobilizacións para paralizar a súa aplicación.

A Sanidade Pública será tamén unha das grandes prexudicadas. María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde sinala que máis alá dos recortes salariais, “estanse cargando o sistema público en materia de prestacións sanitarias” e denuncia que non se busca nin a eficacia nin a eficiencia, “non se eliminan os gasos superfluos, non se estabelecen procedementos e protocolos que unifiquen criterios e procesos no sistema sanitario”.

Alén diso, manifesta que estas medidas están encamiñadas a desprestixiar a sanidade pública e a presentar aos seus traballadores/as como culpables dunha crise da que son vítimas polos salarios que perciben.

Abuín reitera que na sanidade pública non se trata de obter beneficios, senón de garantir a súa sostibilidade para manter unhas prestacións de calidade. Ademais demanda que se publiciten os salarios de todos os cargos públicos que non aparecen na orde de confección de nóminas porque a aplicación dunha redución dun 5% vai gravar as nóminas pero non os outros conceptos polos que si cobran os altos cargos: dietas, comisións en horario de traballo, asistencia a comités, consellos de dirección…

Canto ao gasto farmacéutico exixe que a administración asuma a súa responsabilidade e regule realmente o gasto farmacéutico dicindo que medicamento financia e cal non, porque até o de agora son os propios profesionais quen prescriben os medicamentos e en función diso a administración os financia. “Elude a súa responsabilidade para non ter que enfrontarse coas farmacéuticas”, afirma a secretaria nacional de CIG-Saúde.

Exit mobile version