Site icon Crónica3.com A Mariña

834 propietarios de Espasande, en Riotorto, reciben os títulos da concentración parcelaria

RIOTORTO .- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, xunto co director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, participou hoxe na entrega dos títulos de propiedade coa que culmina o proceso de concentración parcelaria en Espasande (Riotorto), que beneficia a un total de 834 propietarios.

A concentración reduciu á quinta parte o número de parcelas existentes, que pasaron de 8.609 a 1.757, dando como resultado fincas que teñen unha superficie media de 6.215 metros cadrados. O proceso de concentración de Espasande tivo un custo total de 1.696.965 euros, dos cales máis de 825.000 foron dedicados á rede de camiños e 497.222 investíronse no acondicionamento de fincas.

A delegada territorial subliñou que a concentración parcelaria “máis que un mero cambio de organización da propiedade, significa un cambio de mentalidade, un importante paso cara á modernización do campo, do que obteremos grandes beneficios”. Por elo, felicitouse de que “pouco a pouco, e non sen obstáculos, Galicia vai superando o minifundismo endémico que lastra o noso medio rural”.

Arias destacou as vantaxes da concentración parcelaria, que non só posibilita un aproveitamento racional do solo, senón que “posibilita que se proceda ao fin á regulación xurídica da propiedade de todas as fincas, a través da correspondente inscrición rexistral”.

Ademais, no caso concreto da parroquia de Espasande, inclúe a cesión ao concello de dúas fincas que proceden da masa común da zona, “unha para o campo da festa e outra para un campo de fútbol, incrementando desta maneira as dotacións para os veciños”, aclarou.

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, incidiu tamén no compromiso da Xunta de apoiar aos concellos rurais “coa mellora de servizos e infraestruturas e con políticas de dinamización empresarial”. A este respecto, Arias lembrou que a Consellería de Medio Rural concedeu o pasado ano 70.000 euros de subvención para a modernización de dúas empresas agroalimentarias radicadas no concello de Riotorto, e estuda tres proxectos que optan a unha axuda no presente exercicio.

Pola súa banda, o Igape tramitou nos últimos meses 19 expedientes de subvención procedentes deste concello, que supoñen un investimento inducido de 429.228 euros. “A vía para o progreso económico pasa necesariamente por incentivar a iniciativa privada –afirmou Arias-. Os empresarios crean postos de traballo, e o traballo fixa poboación no rural”.

Exit mobile version