Site icon Crónica3.com A Mariña

“Se tanto mira o PP pola sanidade en Foz porque non puxo o PAC no seu momento ou porque non o pón agora” pregunta o BNG

NOTA DE PRENSA
O BNG DE FOZ TACHA AO PP DE AUTOCOMPLACENCIA POLA AMBULANCIA MEDICALIZADA

“Se tanto mira o PP pola sanidade en Foz porque non puxo o PAC no seu momento ou porque non o pón agora” pregúntase Basanta.

Foz, 8 de maio de 2010.- O BNG está abraiado coa euforia coa que o PP anunciou unha ambulancia medicalizada para Foz. Desde a nosa formación este anuncio non ten outra intención que tapar a negativa do goberno do PP na Xunta a implantar un servizo de urxencias de 24 horas no Centro de Saúde de Foz.

O PP está claro que nunca quixo que as urxencias en Foz estiveran cubertas porque desde un principio se negou a darllo desde cando o goberno Fraga planificou o mapa sanitario de Galiza. Aínda non escoitamos ningunha razón convincente para que unha localidade tan importante como Foz (a segunda en pobación da Mariña) quedase fóra do mapa do PP, actuando con total premeditación e discriminandoo inxustamente fronte a outras localidades da Mariña.

Na pasada lexislatura, cansámonos de escoitar ao Sr. Balseiro arremeter contra o goberno da Xunta por ter prometido o servizo de urxencias para Foz e non poñelo. Cansouse de levar iniciativas ao Parlamento simplemente polo feito de buscar un rédito político e tratar de crear contradiccións no bipartito. E agora que? Que pasou co voto que lle faltaba ao señor Balseiro nun goberno en maioría que cando queira pode darlle a Foz o que reclama? Pola contra, temos que oílo lanzar loubanzas ao goberno do seu propio partido cando o seu deber era cumprir coa súa palabra e dotar ao Centro de Saúde de Foz co servizo prometido. “Só o voto favorable do Sr. Balseiro ao servizo de urxencias para Foz lle daría algún crédito. Mentres non ten ningunha autoridade para falar de sanidade en Foz”, afirmou González Basanta.

E que decir do PP local, que en numerosas ocasións apoiou en pleno as urxencias para Foz e agora cala a boca e fai un seguidismo partidista tan extremo.

O BNG non vai a criticar nin opoñerse a que unha ambulancia medicalizada -para dar servizo a toda a Mariña- teña a súa base en Foz pero hai que deixar claro que esta nova non fai esquecernos do que realmente necesita Foz: un Servizo de Urxencias de 24 horas. Eso e non outra cousa sería o que teriamos todos que celebrar.

Exit mobile version