TRABADA .- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, participou no acto de entrega de títulos de propiedade co que “culmina o proceso de concentración parcelaria levado a cabo no monte de Trabada”. A actuación afectou a 327 propietarios, 1.245 hectáreas, transformando 7.338 parcelas en 513 fincas.
Nota de Prensa
RAQUEL ARIAS ENTREGA OS TÍTULOS DE PROPIEDADE DO MONTE DE TRABADA, CO QUE CULMINA UNHA CONCENTRACIÓN QUE CUSTOU 3 MILLÓNS DE EUROS
A actuación beneficiou a 327 propietarios e afectou a 1.245 hectáreas, transformando 7.338 parcelas en 513 fincas
A delegada territorial da Xunta subliñou que o concello converteuse “nun exemplo a nivel nacional de aproveitamento sostible do bosque”
Lugo, 6 de abril de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, participou hoxe no acto de entrega dos títulos de propiedade co que culmina o proceso de concentración parcelaria levado a cabo no monte de Trabada.
Este acto pon punto final a unha actuación que custou 2.910.943 euros, prolongouse durante 17 anos, e conseguiu finalmente reducir a 513 fincas unha extensión de 1.245 hectáreas que antes estaba dividida nunha maraña de 7.338 parcelas, algunhas delas pequenas tiras de monte, de accesos difíciles e de laboreo practicamente imposible.
Arias sinalou que Trabada “tense convertido nun expoñente galego na explotación forestal” e “un exemplo a nivel nacional de aproveitamento sostible do bosque”. Como proba, apelou ao feito de que en distintas actuacións desenvolvidas nos últimos anos transformáronse 2.000 hectáreas de matorral para usos forestais, ou mesmo ao presente proceso de concentración, “que vai permitir que os propietarios obteñan parcelas cunha superficie media de máis de 20.000 metros cadrados, polo que o aproveitamento das mesmas será máis doado”.
Actualmente, a meirande parte das fincas resultantes da concentración parcelaria atópanse plantadas seguindo criterios empresariais. Ademais dos beneficios claros para os propietarios, o proceso supuxo a cesión ao Concello de Trabada de varias fincas integrantes da masa común da zona para fins que redunden en proveito dos veciños -un área recreativa, depósito de augas, captación de auga para abastecemento, ampliación de cemiterio etc-.
A delegada subliñou o “enorme potencial” que representa o sector forestal para a economía galega, que “no ano 2009, en plena crise económica, foi quen de facturar 1.619 millóns de euros e de manter 22.700 postos de traballo en Galicia”.
“O aproveitamento dos recursos, a creación de emprego e a mellora dos servizos, son tres piares sobre os que as administracións deben sustentar o progreso do medio rural”, indicou Arias, quen asegurou que nos vindeiros meses a Xunta investirá noutros proxectos en Trabada, como “a mellora das infraestruturas deportivas, do colexio de educación infantil e primaria Celso Currás e dos recursos turísticos do municipio”.