Site icon Crónica3.com A Mariña

Un consorcio formado por Cervo, Burela e Augas de Galicia xestionará a nova rede de abastecemento e auga

CERVO .- Os alcaldes de Cervo, Alfonso Villares, e de Burela, Alfredo Llano, coñeceron no día de hoxe os pormenores de como están a transcorrer os traballos da nova rede de abastecemento de auga que dará servizo aos municipios de Cervo e Burela. O consorcio formado polos dous Concellos e Augas de Galicia será o encargado de xestionar o subministro unha vez rematen os traballos da nova rede.

Nota de Prensa

Os alcaldes de Cervo e Burela coñeceron esta mañá os pormenores do funcionamento  desta nova infraestrutura da man dos responsables das obras

A ESTACIÓN POTABILIZADORA DA SENRA ABASTECERÁ DE AUGA AOS CONCELLOS DE CERVO E BURELA A FINAIS DE VERÁN

* O consorcio formado polos dous Concellos e Augas de Galicia será o encargado de xestionar o subministro unha vez rematen os traballos da nova rede

* Esta nova estación de tratamento de auga potable permitirá  eliminar os puntos de bombeo que actualmente existen no municipio de Cervo

Cervo, 16 de abril de 2010.- Os alcaldes de Cervo, Alfonso Villares, e de Burela, Alfredo Llano, coñeceron no día de hoxe os pormenores de como están a transcorrer os traballos da nova rede de abastecemento de auga que dará servizo aos municipios de Cervo e Burela.

Rexedores e técnicos de ámbolos dous municipios estiveron acompañados na súa visita polo director técnico da obra e polos responsables da empresa Espina y Obras Hidráulicas, encargada dos traballos desta infraestrutura. Segundo explicou o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a xornada serviu coma unha primeira toma de contacto “para ir coñecendo os pormenores destas novas dotacións e tamén para ir clarexando posibles detalles que aínda quedan pendentes antes de que entre a funcionar a nova rede de auga” sinalou.

Na visita ás instalacións da nova estación de tratamento de auga potable (ETAP), situada na parroquia da Senra, o director técnico das obras explicou aos asistentes os pormenores do sistema de potabilización ao que se someterá a auga que despois de distribuirá desde este punto ás redes de Cervo e Burela e adiantou que de cumprirse os prazos previstos, a estación podería entrar en funcionamento á volta do verán.

30 quilómetros de tubaxes

Os traballos da nova rede de subministro de auga para Cervo e Burela comezaron en setembro de 2007 e o seu investimento global superou lixeiramente os 5,4 millóns de euros. As obras centráronse na construción dunha nova estación de tratamento de auga potable (ETAP) na Senra, que recibirá a auga dende o embalse de Rúa e dende o encoro do río Cobo, aínda que esta última captación só se utilizará en casos puntuais e de emerxencia para garantir o subministro aos dous municipios. Para isto construíuse unha condución de máis de 8,5 quilómetros dende o encoro de Rúa ata a nova ETAP e se acometeu unha nova captación de 4,5 quilómetros de lonxitude dende o encoro de Río Cobo á ETAP da Senra. Paralelamente a isto se construíu unha rede de condución da auga tratada para levar a auga potable a tódolos puntos dos dous municipios e a cal ronda os 30 quilómetros de lonxitude.

A ETAP da Senra ten unha capacidade posúe uns depósitos de 2.500 metros cúbicos e poderá  potabilizar 120 litros de auga por segundo. Segundo os estudos técnicos a capacidade de tratamento da estación da Senra poderá cubrir as necesidades de ámbolos dous municipios nos vindeiros 25 anos e ten ademais a posibilidade de aumentar nun 50% a súa capacidade do seu tratamento inicialmente previsto.

As previsións dos técnicos cuantifican en 3.886.812 metros cúbicos os que poderán ser tratados anualmente nesta nova ETAP e os seus custes de explotación rondarán os 645.000 euros ao ano, mentres que o prezo do metro cúbico de auga tratada será de 0,166 euros.

Subministro por gravidade

Segundo o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a xuntanza desta mañá cos técnicos foi un dos últimos pasos para conseguir materializar esta obra “tan demandada non só por Burela, se non tamén polos veciños do nosos termino municipal”. Neste senso lembrou que máis do 95% desta obra transcorre por territorio cervense e que os embalses que abastecerán a ámbolos dous concellos están situado neste  municipio. “Por iso, para Cervo sempre foi importante esta obra e así o defendemos en todo momento diante de Augas de Galicia co obxectivo de conseguir darlle un trato preferencial as zonas rurais do noso municipio por onde ían a pasar as novas canalizacións” lembrou Villares.

O alcalde salientou tamén que esta nova rede de abastecemento traerá consigo a eliminación dos dous puntos de captación de auga mediante bombeo que actualmente existen no termo municipal. “Cando esta nova rede de auga entre en funcionamento todos os veciños do noso concello recibirán a auga por gravidade, co conseguinte beneficio que isto supón. Poderemos, pois, prescindir dos bombeos do río Rato e do río Cobo, e só se utilizaría o bombeo entre o embalse de Río Cobo e A Senra en casos de extrema urxencia e necesidade” recalcou Villares.

Unha vez estean rematadas as obras a xestión da rede de subministro e da ETAP da Senra pasará ser responsabilidade do consorcio no que están representados o organismo público Augas de Galicia e os Concellos de Cervo e de Burela.

Exit mobile version