Site icon Crónica3.com A Mariña

TV á carta

As medidas gobernativas á carta están a cobrar cada vez maior protagonismo neste noso goberno da era Feijoo. Ensino á carta, para que cada pai e nai poidan escoller sen importar moito o caos que se poida xerar de cara á organización dos centros; urbanismo á carta para que os alcaldes e alcaldesas galegos poidan adoptar o urbanismo máis acaído as “peculiaridades” da construción no seu concello; e agora, TV á carta.

Cando o tratamento informativo da manifestación de “Queremos galego” do 18 de outubro tivemos que asistir a unha considerábel falta de rigor xornalístico. Os directivos que dispoñen como se ha de organizar o tratamento da información nos telexornais non andaron finos. Mesmo o señor Carlos Luis Rodríguez, condutor do programa “Foro aberto”, nos instruíu cunha entrevista “agresiva” ao señor Carlos Callón, presidente da Mesa. Así a cualificou o director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. Disque o xornalista en cuestión quería emular o estilo da BBC. Manda truco! E nós, mal pensados, que considerabamos que estaba a ser parcial.

Mais non rematou aí o estilo de TV á carta. Este luns 22 de marzo, o “Foro aberto” tratou o tema do urbanismo de Barreiros. Como convidado estaba o señor Alfonso Fuente Parga. Días antes, el e tres concelleiros máis do PP, ademais da arquitecta do concello, foran imputados pola Fiscalía Provincial de Lugo por presunta prevaricación urbanística. Ademais de se revirar contra quen puxera en coñecemento dos organismos pertinentes o que estaba a acontecer en Barreiros, o señor Antonio Veiga Outeiro, ao alcalde barreirense tamén se lle ocorreu reducilo todo a unha vinganza cruel e terribelmente inxusta. O anterior director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, tras ser cesado, tería decidido filtrar información para inculpar ao señor Fuente Parga. Escusa de mal pagador. Agora tócalle a D. Hipólito Pérez levar a culpa. Mañánà xa veremos; alguén haberá a quen botarlla.

Pero a repanocha de toda esta historia vivímola a noite do 22 de marzo cando Carlos Luis Rodríguez lle espetou á audiencia, para deleite do señor Fuente Parga: “Síntese vostede perseguido polo bipartito e polo fiscal?” Supoñemos que a reacción do edil barreirense nos seus adentros sería a típica de “alégrame que me faga esa pregunta!”. Tan pouco rigor e profesionalidade vimos nese programa por parte do xornalista condutor do debate, que ata o mesmísimo director da CRTVG, D. Alfonso Sánchez Izquierdo, recoñeceu en sede parlamentaria que o programa “Foro aberto” da noite do 22 de marzo non lle gustou, disque pola concepción de fondo que se trasladaba do plantexamento da entrevista (?). Non sei se ao señor Fuente Parga lle dará agora po dicir que a culpa tena todiña Anxo Quintana por facer semellantes preguntas en sede parlamentaria.

Exit mobile version