Site icon Crónica3.com A Mariña

Traballadores de concellos participan nunha xornada informativa sobre a normativa Bolkenstein

LUGO .- Traballadores dos concellos participan na xornada informativa “A directiva Bolkenstein no ordenamento xurídico español. Implicación nas entidades locais das novas formas de control na actividade do cidadán”, que se desenvolve dende hoxe ata mañá no Pazo de San Marcos

NOTA DE PRENSA

0s traballadores dos Concellos fórmanse sobre a directiva de servizos nunha xornada na Deputación

– Melchor Roel inaugurou a acción formativa que conta coa presenza de prestixiosos especialistas que disertan sobre a normativa Bolkenstein e a súa implicación nos Concellos

– A xornada, que está dirixida a todos os empregados da administración local, contou coa representación de máis de 30 municipios

O Deputado de Persoal, Recursos Humanos e Réxime Interior, Melchor Roel, inaugurou este martes a xornada informativa “A directiva Bolkenstein no ordenamento xurídico español. Implicación nas entidades locais das novas formas de control na actividade do cidadán”, que se desenvolve dende hoxe ata mañá no Pazo de San Marcos.

Deste xeito, prestixiosos especialistas disertarán durante estes dous días sobre como lle afecta esta normativa europea ás actuacións do sector servizos que precisan para a súa execución autorización administrativa. Roel destacou que se trata dunha directiva “que temos que trasladar ó conxunto das comarcas. É unha lei que ten un longo proceso no Parlamento europeo e que evita que se traia un traballador doutro país que esté en peores condicións conservando esta situación en España, xa que isto sería competencia desleal”. Neste senso, o Deputado de Persoal subliñou que “a xornada vai servir para dar capacidade de resposta a esta lexislación”.

O simposio inclúese dentro do Plan Propio de Formación Continua para o ano 2010 e está dirixido a todas aquelas persoas que se atopan no ámbito de decisión da Administración Local, tales como: Alcaldes, Concelleiros, Secretarios, Interventores, responsables de servizos técnicos municipais e provinciais, asesores xurídicos, ou traballadores pertencentes ó departamento de contratación.

En total, uns 70 traballadores de 31 Concellos participan no encontro no que se pon de relevo que o obxectivo desta directiva é alcanzar un auténtico mercado único de servizos na Unión Europea. Para elo propón a supresión de trabas e obstáculos que restrinxen o acceso ás actividades de servizos, simplifica trámites e procedementos e impulsa unha ventanilla única para o acceso á información e a tramitación electrónica na realización de trámites administrativos como autorizacións, concesións de licenzas ou inscricións en rexistros.

A inciativa foi moi ben acollida polas entidades locais, xa que nela houbo representación dos seguintes Concellos: Cervo, Guitiriz, Monforte de Lemos, Abadín, Pedrafita, Páramo, Sarria, Cervantes, Xove, Castro de Rei, Fonsagrada, Corgo, Friol, Pantón, Burela, Pol, Negueira de Muñiz, Paradela, Begonte, Ribas de Sil, Viveiro, Ribeira de Piquín, Pontenova, Vilalba, Monterroso, Castroverde, Vicedo, Xermade, Meira, Outeiro de Rei e Becerreá.

Unha directiva que afecta ós municipios

A Directiva Bolkstein afecta a 46 Leis estatais, ós municipios e a certas ordenanzas locais relacionadas coa apertura de establecementos, venda ambulante, mercados ou espectáculos. A trasposición normativa, a nivel do Estado, realizouse a través dunha lei sobre libre acceso ás actividades de servizos que data de 2009, e que obriga á modificación de 50 disposicións legais e a 115 Reais Decretos. Nas comunidades autónomas, esta trasposición vai modificar 193 leis e preto de 500 Decretos.

En concreto, as actividades de servizos que se ven afectadas supoñen o 87% do valor engadido do sector servizos en España e representan máis do 50% do emprego total da economía española.

Exit mobile version