Site icon Crónica3.com A Mariña

Servizos Sociais de Ribadeo informa de axudas para a promoción da autonomía persoal e accesibilidade

RIBADEO (FNC) .- Desde o departamento de Servizos Sociais do Concello de Ribadeo informan que está aberto o prazo ata o 7 de maio para solicitar axudas individuais para a promoción da autonomía persoal e accesibilidade.

Trátase da cvncesión de axudas individuais, de carácter non periódico, para persoas maiores, persoas con discapacidade e persoas en situación de dependencia empadroadas en Galicia, co fin de colaborar en determinados gastos realizados no ano 2010, con efectos do 1 de xaneiro, destinados a: axudas técnicas ou produtos de apoio para o normal desenvolvemento da vida diaria; adaptacións funcionais do fogar e eliminación de barreiras arquitectónicas e de comunicación no interior da vivenda e adquisición de próteses dentais e audífonos.

Os beneficiarios serán: persoas maiores de 65 ou máis anos que acrediten a necesidade dunha axuda que non estea incluída no ámbito doutras liñas de protección social ou sanitaria;  persoas con discapacidade menores de 65 anos que teñan recoñecido un grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%  por resolución anterior á data de publicación desta orde; persoas que teñan recoñecida a situación de dependencia nos seguintes graos e niveis: Grao III, niveis 1 e 2 e Grao II, nivel 1 e 2 e persoas que teñan solicitado o recoñecemento da situación de dependencia con anterioridade á data de publicación desta orde (7/04/2010), sempre que lles sexa recoñecida en calquera dos graos e niveis anteriores.

Programa Volver á casa
O programa Volver á casa pretende promover o contacto dos galegos residentes no exterior cos seus familiares e coa súa terra, fortalecendo os vínculos de unión con Galicia. As axudas consistirán no pagamento do 60% do custo do traslado a Galicia, a data de presentación das solicitudes remata o vindeiro 22 de abril. Poderán ser solicitantes as persoas que cumpran os seguintes requisitos: ser emigrante galego, entendendo como tal os nados en Galicia ou que tivesen a súa última veciñanza administrativa en Galicia, e que acrediten esta condición no correspondente consulado de España; ter nacionalidade española; residir en América; ter 55 ou máis anos de idade contados na data de remate do prazo de presentación de solicitudes;  non ter participado nos últimos 5 anos naturais en programas de viaxes a Galicia da secretaría xeral de Emigración;  valerse en por si e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha  viaxe de longa duración; ter familiares de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade cos que poidan residir durante estadía en Galicia e ter ingresos inferiores a 3 veces o importe das pensións asistenciais por ancianidade do estado español fixado en 2010 para o país de residencia. Se a/o solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70% da devandita cifra polo nº de convivintes menos un.
Poderán ser beneficiarias as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga aos solicitantes do programa, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos parte dos requisitos anteriormente enumerados e acheguen a documentación xustificativa. Tamén poderán ser solicitantes os fillos de emigrantes galegos que sexan galegos e que cumpran cos requisitos sinalados neste apartado.

Exit mobile version