Site icon Crónica3.com A Mariña

Sanidade farase cargo da xestión e dos gastos dos centros de saúde de Cervo

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, formalizou hoxe na sede da Xunta de Galicia a cesión por parte do Concello dos inmobles dos centros de saúde de Cervo e San Cibrao á Consellería de Sanidade.

Segundo indicou o rexedor, a firma de cesión dos dous edificios ten carácter retroactivo dende o 1 de xaneiro do presente ano, e suporá para o Concello que sexa o Sergas quen se faga cargo dende esa fecha do mantemento de tódolos gastos dos dous inmobles: limpeza, seguros, enerxía eléctrica, combustibles, alarma e reparacións, “liberándose o noso concello destas obrigas que teñen unha contía importante e máis nestes intres de crise», subliñou Villares.

O centro de saúde de Cervo é o inmoble de máis antigüidade dos dous edificios cedidos. Debido ao paso do tempo estas dependencias teñen sufrido diversos problemas estruturais que derivaron na aparición de humidades e outro tipo de desperfectos que regularmente tiñan que ser subsanados polo propio Concello.

No que atinxe ao novo centro de saúde de San Cibrao, o rexedor cervense recordou que as xestións para a súa materialización comezaron no ano 2000, durante o mandato do anterior alcalde José Insua, coa modificación da cualificación urbanística dos terreos para posibilitar a construción das instalacións. Villares lembrou tamén que as obras foron licitadas no mes de xuño do 2005, con Manuel Fraga como responsable da Xunta e que a construción foi adxudicada en xaneiro do 2006.

Exit mobile version