Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo acollerá unhas “Xornadas formativas sobre violencia de xénero” que incidirán na educación

RIBADEO (FNC) .-. Ribadeo acollerá os días 23 e 24 de abril as III xornadas formativas Abordaxe integral da violencia de xénero desde o ámbito local, que foron presentadas esta tarde no Concello pola edil de Muller, Mariluz Álvarez Lastra, e pola directora do CIM, Luisa González.

A concelleira nacionalista sinalou que “levamos tres anos consecutivos facendo estas xornadas porque nos parece fundamental que os especialistas traten ou teñan a oportunidade de intercambiar imprensións sobre esta problemática. O curso é aberto para todo o mundo  porque a violencia de xénero nos afecta a toda a sociedade, ainda que está dirixido básicamente a profesionais que traballan coas vítimas de violencia de xénero desde os servizos sociais, técnicas/os de igualdade, abogados/as, educadores/as familiares, profesorado, axentes das forzas e corpos de seguridade do Estado ou persoal sanitario, entre outros”.

Álvarez Lastra manifestou que “hai unha parte moi formativa, pero quixemos tamén este ano incluir un componente máis didáctico polo que poderemos ver unha representación teatral, sempre relacionada con este tema e tamén a proxección da curta gañadora do concurso de guións cinematográficos que fixemos nos centros de ensino A princesa que quería ser muller e a unidade didáctica feita para traballar con ela. Ademáis os alumnos do colexio Sagrado Corazón presentarán Once miradas con música, un traballo ainda inédito que se enmarca dentro do concurso A mocidade a debate”.

A edil de Muller tamén explicou que “estas xornadas incidirán moito no aspecto educativo, qué podemos facer desde os centros de ensino para previr ou para traballar con aqueles menores que no seu entorno sofren algún tipo de violencia de xénero”.

As xornadas darán comezo o día 23 de abril ás 16:00 horas co acto de inauguración e a continuación haberá unha mesa redonda na que se abordarán aspectos como a violencia de xénero e a discapacidade física e intelectual, a violencia de xénero e a enfermidade mental e violencia de xénero e inmigración. Luisa González suliñou que “se está a extender o falso mito de que as mulleres maltratadas son sobre todo as inmigrantes e eso non é así porque a porcentaxe de inmigrantes maltratadas non é superior á do Estado español. Tamén falaremos esa tarde do tratamento desta problemática por parte dos medios de comunicación, onde moitas veces a muller aparece como culpable ou cunha doble vitimización que é o que se pretende eliminar”.

Xa o sábado 24 de abril haberá varios relatorios nos que analizarán cuestións coma: prever a violencia de xénero desde unhas perspectiva educativa integral; mediación familiar; as nenas e os nenos, vítimas de violencia de xénero; resistencias e dificultades na aplicación da lei integral e actuacións e problemáticas dos diferentes servizos no eido local.

O prazo de matrícula para participar neste curso queda aberto desde hoxe ata o 22 de abril, o prezo será de 15 euros para a matrícula xeral e de 10 euros para parados e estudantes. Os interesados poden inscribirse no Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo, a través do teléfono 982 120 739 ou vía e-mail na seguinte dirección: cim@ribadeo.org

Exit mobile version