BURELA (FNC) .- Mañá xoves terá lugar unha nova xuntanza ordinaria a partires das 11 horas do Consorcio de xestión e explotación da rede básica do abastecemento de auga aos Concellos de Cervo e de Burela.
Segundo explica o rexedor de Burela “veremos o estado da obra e as previsións de remate da mesma, desto xa tivemos un avance cando realizamos unha visita ás instalacións da ETAP na compaña dun técnico… analizaremos cando o Consorcio se fará cargo da xestión da auga para os dous concellos. Outros puntos que se abordarán mañá son: a dación de conta dos custes previstos para a explotación da obra, o estado da débeda do Consorcio á administración hidráulica de Galicia, a posibilidade de concertar un préstamo por parte do Consorcio e rogos e preguntas”.
Alfredo Llano sinala que “no último apartado eu tentarei establecer cómo se vai levar a xestión da auga nos dous concellos, hai que facer un convenio e ver cómo se pode realizar dado que agora lóxicamente é complexo todo esto sobre todo na ETAP porque terá un consumo importante de enerxía e establécense cuestións coma os mantementos e a vixianza de todo o que se fai alí. Penso que hai que dispoñer dun organismo que nos leve adiante todo esto que esixirá o propio funcionamento de todo este dispositivo. Temos que saber cando imos poñer en marcha o establecemento deste servizo para os dous concellos dun xeito xa definitivo”.
Pleno ordinario
O rexedor de Burela tamén comentou os asuntos que se debatirán no pleno ordinario previsto para mañá xoves no Concello. Van a esa sesión: a dación de conta da liquidación do orzamento de 2009 e a petición de axudas á Consellería de Traballo e Benestar para a prestación de servizos sociais polas Corporación locais ao abeiro da orde do 19 de febreiro de 2010. “Tamén se abordará no pleno a proposta de representante para a comisión de escolarización, trátase da persoa que formará parte dun colectivo no que se establecerán as liñas que se tomarán en caso de que exista algún problema de escolarización nos centros de ensino do noso concello. A persoa proposta é Lucía Bouza como concelleira de Educación que é. Outros puntos son a proposta de adhesión á carta verde do deporte español, a declaración de compatibilidade solicitada por unha funcionaria do Concello para poder impartir cursos de formación noutras entidades e a proposta de creación do servizo público de emisora de radio municipal. Éste será o asunto máis complexo seguro, pero consideramos que todo sairá para adiante sen problema”.