Site icon Crónica3.com A Mariña

Retrasarase a Transcantábrica polos deslizamentos no tramo Lindín-Mondoñedo, asegura o goberno do estado en resposta ao BNG

Nota de Prensa

EN RESPOSTA AO BNG, O GOBERNO RECOÑECE QUE HABERÁ  RETRASOS NA TRANSCANTÁBRICA DEBIDO AOS DESLIZAMENTOS NO TRAMO LINDÍN-MONDOÑEDO

Madrid, 9 de abril 2010 .- En resposta a unha pregunta do portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, o Goberno recoñeza que a Autovía do Cantábrico (A-8) sufrirá atrasos debido aos deslizamentos producidos no tramo Mondoñedo- Lindín.

En concreto, o Goberno informa de que “neste momento “atópase en tramitación un proxecto modificado que recollerá as propostas construtivas dos desmontes, terrapléns e medias ladeiras deste tramo, que conterán axustes respecto ao proxecto inicial”.

En concreto, as solucións propostas no Proxecto Modificado “son executar viaductos nalgunhas zonas con inestabilidade de ladeira e lixeiros axustes no trazado”. Non obstante, o Ministerio de Fomento asegura que estes axustes no trazado “non darán lugar a variacións substanciais respecto ás expropiacións realizadas”.

O remate das obras adíase a 2012

Neste sentido, o Goberno recoñece na súa resposta ao BNG que “a problemática exposta suporá unha incidencia na normal execución dalgúns traballos en tanto sexa aprobado o Proxecto Modificado”.

“A data de remate prevista –continúa a resposta- no momento actual, é o ano 2011, a expensas de que no Proxecto Modificado e en fusión das solucións que poidan proporse se fixe outro calendario posíbel”.

De feito, no cadro adxunto da resposta o Ministerio de Fomento xa adianta que para o tramo Mondoñedo-Lindín a data de finalización pasa do ano 2011 a principios de 2012.

Francisco Jorquera incide na necesidade de que se garanta a seguridade

Francisco Jorquera subliña a importancia da Autovía do Cantábrico para comunicar Galiza con Asturias, Cantabria e o País Vasco e con Europa, o que mellora as comunicacións tanto para os usuarios particulares como para o tráfico de mercadorías.

Respecto ao adiamento na data de finalización da A-8, Francisco Jorquera solicítalle ao Goberno que “se axilicen os traballos na medida do posible ao tempo que se garanta a máxima seguridade para evitar que se  presenten problemas unha vez rematada”.

Exit mobile version