Site icon Crónica3.com A Mariña

Queremos Galego recolleu sinaturas en San Cibrao e anunciou que hai fila cero para “Música contra o decretazo”

SAN CIBRAO .- Queremos Galego recolleu no mercado de San Cibrao sinaturas e  anunciou que o festival “Música contra o decretazo” disporá dunha fila cero para aquelas persoas que queiran apoiar o evento e non poidan asistir. A sección mariñá da Plataforma Queremos Galego continúa a campaña social de recollida de sinaturas para a presentación dunha Iniciativa lexislativa Popular co obxectivo da presentación dunha Proposición De Lei no Parlamento de Galiza que pretende anular o proxecto de Decreto de galego no ensino que elaborou a Xunta de Galiza  coa intención de  aprobala antes de que remate o actual curso escolar.

NOTA DE PRENSA

Queremos Galego recolleu no mercado de San Cibrao sinaturas de apoio á Iniciativa Lexislativa Popular a prol do galego no ensino

Queremos Galego anunciou que o festival “Música contra o decretazo” disporá dunha fila cero para aquelas persoas que queiran apoiar o evento e non poidan asistir

A sección mariñá da Plataforma Queremos Galego continúa a campaña social de recollida de sinaturas para a presentación dunha Iniciativa lexislativa Popular co obxectivo da presentación dunha Proposición De Lei no Parlamento de Galiza que pretende anular o proxecto de Decreto de galego no ensino que elaborou a Xunta de Galiza  coa intención de  aprobala antes de que remate o actual curso escolar.

Representantes da Plataforma recolleron sinaturas no mercado de San Cibrao explicando e dando a coñecer a súa proposta e facendo un chamamento a apoiar a ILP xa que so dende a mobilización da sociedade seremos capaces de virar as intencións dos actuais gobernantes da Xunta de Galiza de retrotraer a tempos pretéritos os avances nos dereitos lingüísticos no noso país.

A plataforma cidadá  considera un autentico escándalo a posición do goberno galego coa súa proposta lingüística na medida que a mesma está a xerar unha gran discordia no conxunto da comunidade educativa e da sociedade galega así como tamén pola súa teimosía en tentar aplicar un decreto que xa recibiu o rexeitamento  do profesorado, representantes do profesorado, alumnado, pais e nais, universidades, traballadores/as de normalizacións lingüística, equipas de normalización lingüística, expertos doutros países, editores, ILGA, RAG, Consello da Cultura Galega, etc. Os e as representantes de Queremos Galego consideraron especialmente grave que a Xunta pretenda introducir unha modificación lexislativa coa oposición do Consello escolar de Galiza, máximo órgano de representación da comunidade educativa galega, ao tratarse da primeira norma na historia de Galiza que se aproba no ensino coa oposición do Consello Escolar Galego.

Queremos Galego vai organizar recollidas públicas de sinaturas no conxunto das vilas da Comarca e tamén en eventos sociais como a Feira de Artesanía do Ferro de Riotorto. No mesmo obxectivo anunciamos a todas aquelas persoas que desexen prestar o seu apoio a iniciativa que se poñan en contacto coas asociacións que forman parte da plataforma para asinar esta ILP.

Por último desde Queremos Galego informaron que o vindeiro Sábado 17 de Abril vaise celebrar en Pontevedra un festival polo galego no que participarán 17 grupos da escena musical galega para expresar o seu rexeitamento ao decreto lingüístico da Xunta de Galiza. Os grupos que van participar no mesmo son do máis diverso e acollen unha ampla representación do mundo musical galego e entre eles atópanse formacións como Luar na Lubre, Berrogüeto, Roi Casal, Fuxan os Ventos, A Quenlla, Ruxe Ruxe, Uxía Senlle, Susana Seivane, Nordestinas, Tino Baz, etc. Os e as representantes de Queremos Galego lembraron que para asistir a este festival aínda se poden mercar entradas a prezo anticipado de 10 euros en diferentes locais da comarca da Mariña ou na web da plataforma www.queremosgalego.org , no caso do concello de Cervo no Caseto de Copa en Cervo.

Exit mobile version