Gómez Besteiro recibiu a escolares de Monforte e a veciños do Páramo,
quenes elexiron Pantón e Ribadeo como destinos das súas rutas
LUGO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este martes a un grupo do CEIP A Gándara (Monforte de Lemos) e a outro da Asociación Veciñal “Parades Picos” (O Páramo), dentro de Km0. Preto de 300 participarán esta semana nas 6 rutas organizadas dentro do programa medioambiental que promove o organismo provincial.
Os escolares da cidade do Cabe, logo de coñecer o Pazo de San Marcos e o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación, desprazáronse ata a zona sur da provincia. Concretamente, visitaron o balneario de Augasantas, o Pazo de Goián e o mosteiro de Ferreira de Pantón. Pola súa banda, os veciños do Páramo decantáronse polo Concello de Ribadeo. A ruta incluiu, ademais dun percorrido polo Centro de Interpretación Terras do Miño, un paseo polo Castelo de San Damián e polo casco histórico, así como unha travesía marítima pola ría.
O mércores, integrantes da Asociación “Amas de Casa Bruma” de Lagostelle (Guitiriz) viaxarán ata Cervo. No municipio mariñano, coñecerán a artesanía e o real padroado de Sargadelos, ademais do Paseo dos Namorados. A Mariña tamén será o destino do grupo de membros da Asociación “Amas de Casa e Consumidores Lucus”. Neste caso, o itinerario incluirá unha visita á Illa Pancha e ó Castelo de San Damián. Tamén percorrerán o casco histórico ribadense e farán unha travesía marítima pola ría.
O xoves, veciños de Sarria tamén se desprazarán ata o Concello de Ribadeo, onde visitarán o Centro de Cultivos Mariños, o mosteiro das Clarisas e a ría. Ese mesmo día, membros do clube náutico de Foz viaxarán ata a Ribeira Sacra. No sur da provincia, coñecerán a adega Moreiras e as igrexas de Atán, Pesqueiras e de Pombeiro. Completarán a ruta cunha visita á presa e ó pobo dos Peares.