Site icon Crónica3.com A Mariña

Presidencia convoca axudas para financiar colectivos e asociacións de veciños

SANTIAGO .- A Consellería de Presidencia convoca unha orde de axudas para financiar o funcionamento das agrupacións veciñais. O prazo de presentación das solicitudes remata o vindeiro 19 de maio

REFERENCIA

A Consellería de Presidencia convoca unha orde de axudas para financiar o funcionamento das agrupacións veciñais galegas

Destinará 100.000 € ás actividades propias e gastos correntes das confederacións, federacións, coordinadoras ou agrupacións de asociacións de veciños

O prazo de presentación das solicitudes rematará o vindeiro 19 de maio

Santiago, 19 de abril de 2010.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha orde de axudas para financiar os gastos de funcionamento das confederacións, federacións, coordinadoras ou agrupacións de asociacións de veciños de Galicia.

Así, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará 100.000 euros ás actividades propias e gastos correntes destas entidades no 2010, redundando na mellora da calidade da vida local galega. O compromiso coas agrupacións veciñais, consideradas un instrumento fundamental para canalizar as preocupación dos galegos e garantir a participación cidadá, representa un dos compromisos do Goberno galego, canalizado a través da súa Dirección Xeral de Administración Local.

As entidades interesadas en pedir estas axudas deberán estar inscritas no Rexistro Central ou nos rexistros provinciais de asociacións da Consellería de Presidencia e remitirlle a este departamento a instancia que figura anexa no DOG de hoxe no prazo dun mes.

Xunto a esta solicitude as agrupacións interesadas presentarán fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade; programación da actividade que se pretende realizar -con mención aos beneficiarios e ao calendario fixado-; relación de actividades desenvolvidas durante o 2009; nomes das asociacións ou federacións que forman parte do ente e os orzamentos detallados das actividades ou gastos para os que se solicita a subvención e para o ano 2010 (ingresos e gastos).

Así mesmo, os posibles beneficiarios teñen que achegar á Consellería unha declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin das administracións públicas competentes ou outros entes públicos; un certificado no que se aproba participar nesta convocatoria e o nomeamento dun interlocutor coa Administración galega, e unha declaración deste último de non estar a entidade incursa en causas de incompatibilidade ou incapacidade para contratar e percibir subvencións da Administración pública.

Para valorar as solicitudes teranse en conta aspectos coma o interese do proxecto de actividade que se propón (40%); o número de asociacións de veciños confederadas, federadas ou agrupadas que integran a entidade solicitante (30%), así como as actividades desenvolvidas polo peticionario durante o último ano (30%). As solicitudes serán analizadas por unha comisión de valoración presidida polo director xeral de Administración Local e da que formarán parte os delegados territoriais da Xunta de Galicia e o subdirector xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais, en calidade de secretario.

Para máis información, pode consultarse a edición de hoxe do Diario Oficial de Galicia (DOG) a través do enderezo electrónico: http://www.xunta.es/consulta-do-dog

Exit mobile version