Site icon Crónica3.com A Mariña

Pide o PP que Fomento financie a construción dun apeadeiro de carga e descarga de pasta de papel e madeira en Ribadeo

Nota de Prensa

O voceiro do Mar e deputado mariñán Jose Manuel Balseiro Orol reclama a través dunha iniciativa parlamentaria ao socialista José Blanco que financie a construción dun apeadeiro de carga e descarga de pasta de papel e madeira en beneficio do porto ribadense de Mirasol

O PPdeG PEDIRÁ A FOMENTO QUE INVISTA EN  RIBADEO UNHA CANTIDADE EQUIVALENTE Á PREVISTA PARA O RAMAL ENTRE ENCE E O PORTO ASTURIANO DO MUSEL

* Os populares que consideran esta petición como “xusta, ecuánime e respectuosa cos principios de igualdade e equilibrio territorial” rexistrarán con este mesmo obxecto unha moción para o seu debate no Pleno municipal

* O ministerio socialista discrimina a Galicia tras anunciar que FEVE achegará 3,5 millóns de euros en cartos públicos, pagados tamén polos galegos, para conectar a  empresa ENCE co porto de Xixón o que pode dar lugar ao cese de actividade desta factoría desde Ribadeo

Santiago, 30 de abril de 2010.- O Partido Popular pedirá ao Ministerio de Fomento que invista en Ribadeo unha cantidade equivalente á prevista para o financiamento por parte do Goberno do Estado do ramal ferroviario que se construirá entre a empresa ENCE e o porto asturiano do Musel. Esta nova infraestrutura proxectada polo Executivo socialista pode dar lugar a que a empresa papeleira substitúa o porto ribadense de Mirasol, desde o que realiza as súas operacións na actualidade, polo de Xixón, cos consecuentes prexuízos para a nosa comunidade.

Ata o de agora Fomento estaría a discriminar a Galicia tras anunciar que a través da empresa FEVE achegará 3,5 millóns de euros para construír esta conexión ferroviaria na comunidade veciña. Os populares insisten que dado que esta actuación se financia con cargos públicos, procedentes tamén dos impostos que pagan os galegos, o máis lóxico é requirir ao Goberno central que invista unha cantidade equivalente en favor do porto galego.

O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, acompañado do presidente desta  formación política en Ribadeo, Jose Carlos Rodríguez Andina, deron conta en rolda de prensa desta cuestión e da presentación dunha serie de iniciativas tanto na Cámara galega como no Concello de Ribadeo. Máis en concreto o PP no Parlamento de Galicia pedirá ao ministro Jose Blanco que financie a construción dun apeadeiro de carga e descarga de pasta de papel e madeira –no emprazamento que estime máis oportuno, como pode ser o novo polígono industrial- de tal xeito que tamén resulte beneficiado o porto ribadense de Mirasol e non exclusivamente o peirao asturiano polas actuacións previstas por FEVE.

Os populares que non dubidaron en considerar esta petición como “xusta, ecuánime e respectuosa cos principios de igualdade e equilibrio territorial” e adiantaron que rexistrarán igualmente, con este mesmo obxecto, unha moción para o seu debate no Pleno municipal.

EN APOIO DE MIRASOL

A ofensiva parlamentaria engádese a maiores á oferta pública feita por Portos de Galicia á multinacional papeleira para que siga operando desde o porto de Mirasol. O Grupo Parlamentario Popular pedirá  tamén á Xunta de Galicia que continúa na liña de traballo establecida polo ente público autonómico que dirixe Jose Manuel Álvarez Campana, de cara a asegurar, afianzar e expandir o volume de tráfico comercial do peirao de Mirasol, en Ribadeo, por canto este ten un elemento dinamizador da economía e o emprego da área da Mariña Oriental.

Exit mobile version