Site icon Crónica3.com A Mariña

Para o PP as “protestas no Hospital da Costa responden a intereses políticos”

NOTA DE PRENSA
Os convocantes son os mesmos que durante os pasados catro anos estiveron calados, pese ao deterioro que a sanidade pública estaba a sufrir como consecuencia da mala xestión do bipartito
O PP DA MARIÑA ASEGURA QUE A CONCENTRACIÓN DE PROTESTA NO HOSPITAL DA COSTA RESPONDE A INTERESES POLÍTICOS

* O centro hospitalario mariñán non dependerá de Lugo, manterá a súa autonomía e mellorará os seus servizos – afirman os populares con contundencia.

* Nun só ano o Goberno de Feijoo ten investido en obras para o Hospital máis do dobre do executado polo bipartito en toda a lexislatura e porá en marcha de xeito inminente un novo servizo de detección precoz do cancro de mama.

* Os populares piden “que se lles deixe traballar” pois “son os primeiros interesados en que o Hospital da Costa marche ben” e insisten en que ao longo da lexislatura cumprirán todos os compromisos do seu programa electoral.

A Mariña, 23 de abril de 2010.- A concentración de protesta convocada pola Comisión de Centro do Hospital da Costa para este sábado “responde a intereses políticos e non ten ningún fundamento, porque o centro hospitalario mariñán non dependerá de Lugo, manterá a súa autonomía e mellorará os seus servizos”- así de contundentes amosáronse no día de hoxe no Partido Popular da Mariña, desde onde tamén demandaron un voto de confianza dos veciños da comarca porque “estamos traballando, e queremos seguir traballando para facer realidade os compromisos adquiridos no noso programa electoral”

Os populares afirman que entenderían o acto de protesta “se de verdade defenderan a mellora do sistema sanitario”, pero o que hai é “política de pancarta”, baseada ademais en hipóteses “que non son certas, pois ningún outro Goberno está tan comprometido co Hospital da Costa como o actual, o que lidera Alberto Núñez Feijoo”. Nese senso os populares quixeron lembrar que so as obras comprometidas ata o momento, de substitución da cuberta, rampla de acceso, zona de arquivos e área de maternidade do Hospital da Costa, “achegan un investimento superior a máis do dobre do executado polo bipartito nos pasados catro anos”, así como tamén se está a avanzar grazas á inminente creación dun novo servizo de detección precoz do cancro de mama, “con mamografías dixitais máis modernas e que incorporan os últimos avances tecnolóxicos”.

CATRO ANOS DE SILENCIO ANTE O DETERIORO

O Partido Popular subliña o rechamante feito de que os convocantes deste acto de protesta son “as mesmas persoas” que durante a pasada lexislatura “estiveron mudos, calados, pese a parálise e o retroceso que coa xestión do bipartito sufriu o Hospital da Costa e o conxunto da sanidade comarcal”. “Daquela nin había pancartas, nin había protestas, nin daban a voz de alarma, o que ratifica que detrás destes movementos hai un interese de facer dano político” –todo iso pese a que segundo explican- “podemos asegurar con total coñecemento, que a situación do Hospital entón era moito peor.”

“QUE SE NOS DEIXE TRABALLAR”

Finalmente desde o Partido Popular volven a pedir “que nos se deixe traballar” e nesa liña queren a insistir en “que mantemos todos e cada un dos compromisos para a mellora da sanidade comarcal e do Hospital da Costa que formaban parte do noso programa electoral”. Ata o momento –subliñan- tan só pasou un ano, o 25% do total da lexislatura na que, xa adianto como non podería ser doutro xeito cumpriremos todas as nosas promesas”. Segundo os populares explican “nós somos os primeiros interesados en que o Hospital da Costa marche ben, e os veciños estean satisfeitos e orgullosos da asistencia médica que alí se presta. Pero a situación da que partimos é moi mala, e temos que administrar esa herdanza, e traballar arreo por mellorala”.

Exit mobile version