Site icon Crónica3.com A Mariña

Para o pobo de San Ciprián non é o mesmo que gobernen uns ou outros

O pasado sábado tivo lugar a visita do Presidente de Portos de Galicia, J.M. Álvarez Campana a San Ciprián, para confirmar que este organismo dependente da Consellería do Mar, vén de axilizar os trámites necesarios para decidir antes de finais de ano, a mellor situación dun porto deportivo nesta localidade. O alto cargo da Xunta tamén adiantou que no 2011 faríase o proxecto e comezarían as obras para crear esta infraestrutura que promete ser un novo espazo de grande atractivo turístico.

Pero para comprender o importante do compromiso adquirido polos novos responsables da Xunta é preciso facer algo de historia. Cando o 16 de abril de 2008 o anterior Goberno bipartito presentaba publicamente o Plan Director de Instalacións Náutico Deportivas excluía expresamente á localidade de San Ciprián. Isto significaba que, como mínimo ata o ano 2020 –o período de vixencia do plan-, a sociedade cervense vería impedida a posibilidade de dispoñer desta infraestrutura tan demandada.

No PP nunca comprendemos as razóns desta exclusión polo que desde a responsabilidade de goberno en Cervo, e desde o Grupo Parlamentario presentamos varias iniciativas que sempre se atoparon coa oposición de PSOE e BNG, e defendemos en todo momento que San Ciprián non podía renunciar á riqueza que supón a posibilidade de dispoñer destas instalacións de atracada e das accións e programas vinculados ao desenvolvemento do turismo náutico e da pesca deportiva. O noso pobo forma parte dun municipio con gran potencial turístico, polo que o novo porto axudará a completar a infraestructura promocional do concello e, indirectamente, contribuirá a crear emprego e riqueza asociado á nova instalación portuaria.

Agora que a Xunta de Galicia liderada por Feijoo recupera este ambicioso proxecto, resulta demostrado que non é igual que gobernen uns ou outros para o pobo de San Ciprian. Que durante os pasados catro anos co PSOE e o BNG na Xunta non existía vontade política de levar adiante esta e outras iniciativas, e que se lles negaba aos veciños deste pobo o que si se lles recoñecía aos que residían noutras localidades da Mariña. Nun futuro próximo o San Ciprián disporá do seu porto deportivo para disfrute de veciños e visitantes. O cambio de Goberno en Galicia supuxo unha boa nova máis para un pobo que non renuncia a ganar futuro, nin á súa vinculación histórica co mundo do mar.

Exit mobile version