Nota de Prensa
ANTONIO VEIGA AMOSOU O SEU APOIO AOS TRANSPORTISTAS AFECTADOS POLOS IMPAGOS DA PLANTA DE CEMENTOS DE NADELA
O responsábel comarcal do BNG da Mariña, Antonio Veiga, trasladoulle o apoio do BNG aos cinco transportistas autónomos afectados pola débeda da planta de cementos de Nadela, en Lugo
Neste sentido, anunciou que o BNG estuda a posibilidade de emprender iniciativas para poñer á Xunta e ao goberno central ao corrente desta situación, xa que quen adebeda é un grupo empresarial con alta contratación pública
Antonio Veiga mostrouse moi crítico e lamentou que “unha vez máis sexan os traballadores e traballadoras de a pé quen teñan que sufrir nas súas peles a dureza da crise económica produto dun sistema que crebou e se mostra ineficaz” e que conta co agravante, neste caso, de estar “motivada por un impago de grandes empresarios que coa súa débeda prexudican seriamente a vida de moitas familias”, como se pode ver na situación desesperada de concentración destes cinco transportistas lucenses.
Neste camiño, Antonio Veiga anunciou que desde o BNG estase a estudar a posibilidade de emprender iniciativas, como preguntas dirixidas ao Parlamento Galego, para poñer á Xunta e ao goberno central ao corrente desta grave situación, xa que quen adebeda é un grupo empresarial con alta contratación pública. Este grupo que presenta débedas, La Estrella, depende de Catisa (cuxa matriz é o grupo do construtor do Bierzo, Martínez Núñez) e ten diferentes plantas en Galiza, como en Barreiros, Santiago, Ourense ou A Coruña e leva a cabo numerosos proxectos públicos como a nova ponte sobre o Miño en Lugo, a variante ferroviaria na Pobra de San Xiao ou o corredor Sarria-Monforte de Lemos. Afondando nisto, Veiga afirmou que as administracións “teñen a obriga de saber en todo momento se as empresas que resultan beneficiarias de contratacións públicas, e que reciben dos entes públicos unha carga de traballo e negocio importantísimo nestes momentos, cumpren co disposto nas súas condicións en canto aos prazos de pago”, porque doutro xeito estase permitindo que se produzan irregularidades que condicionan gravemente a vida de moitas e moitos traballadores.
O conflito por débedas cos transportistas lucenses por parte da cementeira cuxa planta está ubicada en Nadela sacou a relucir, segundo expuxo Antonio Veiga, “a inoperancia dun modelo económico que se esquece das persoas e ten unicamente en conta ao capital”, o que nos conduce a desaxustes e a situacións críticas como a que hoxe en día estamos a sufrir.