Nota de Prensa
OS SOCIALISTAS RECLAMAN Á XUNTA PROCEDER A LICITACIÓN, NO PRAZO MAIS BREVE POSIBLE, DOS COLECTORES XERAIS E A EDAR DE FORXAN NO CONCELLO LUCENSE DE FOZ
-O deputado socialista Ismael Rego Rego explica que pasado xa un tempo, máis que prudencial, sen que se teña producido ningún avance neste proxecto é preciso dar resposta ás carencias que nesta materia aínda sofre o concello de Foz
Santiago , 27 de abril de 2010. O deputado do Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE Ismael Rego rexistrou no Parlamento diversas iniciativas sobre a EDAR de Marzan, no concello de Foz. Nunha proposición Non de Lei reclama que o Parlamento Galego insta a Xunta de Galicia a que adopte todas as medidas precisas para proceder á licitación, no prazo máis breve posible, dos colectores xerais e a EDAR de Forxan no concello de Foz.
O deputado socialista lembra, na iniciativa rexistrada, que no plano de saneamento de Galicia, incluíronse por parte do anterior Goberno os colectores xerais e EDAR de Forxan no concello de Foz, segundo o anteproxecto redactado pola Administración hidráulica de Galicia, cun presuposto de execución por contrata de 8.660.027,29 millóns de euros.
Rego advirte que o dito anteproxecto foi remitido ao concello co fin de dar cumprimento ao previsto no Decreto 84/1997, sobre a colaboración técnica e financeira da Administración hidráulica de Galicia coas entidades locais en materia de abastecemento e saneamento de augas e para que adoptase os acordos precisos sobre a asunción dos compromisos previstos para ser asumidos pola administración municipal no dito decreto.
Sinala ademais que o pleno do concello de Foz adoptou a proposta do alcalde todos e cada un dos acordos e compromisos requiridos pola Xunta na sesión celebrada o día 9 de xuño de 2008, acordo que foi publicado no Boletín Oficial da Provincia de Lugo nº 146 do 26 de xuño de 2008 e foron remitidos á Xunta nesas mesmas datas.
Rego explica que pasado xa un tempo, máis que prudencial, sen que se teña producido ningún avance neste proxecto, e dado o alto estado de necesidade que avala a súa urxente execución para dar resposta ás carencias que nesta materia aínda sofre o concello de Foz, dado o seu nivel de crecemento poboacional derivado principalmente, do seu potencial turístico que fai que en distintas etapas do ano a súa poboación chegue a duplicarse, é polo que o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, presenta a seguinte proposición non de lei para o seu debate en Comisión.