Nota de Prensa
A EXECUTIVA PROVINCIAL DO PSDEG-PSOE RECLAMA QUE A XUNTA CUMPRA COS GANDEIROS, “COMO SÍ O ESTÁ A FACER O GOBERNO DE ESTADO”
VERDES EXPLICA QUE O MINISTERIO GARANTE AXUDAS AO 78% DAS EXPLOTACIÓNS LEITEIRAS GALEGAS E QUE “O PP NON SE PREOCUPOU DAS QUE QUEDABAN FÓRA”
OS SOCIALISTAS ADVIRTEN QUE “O PARTIDO POPULAR E FEIJÓO INTENTAN TAPAR A SÚA INEFICACIA CON ESTES ATAQUES AO PSOE E MANIPULANDO A REALIDADE”
A MARIÑA, 20 de ABRIL. Dende a Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Lugo subliñan que “a situación das explotacións gandeiras da Mariña é unha realidade, non se trata de xerar ningún tipo de alarma”.
Sonia Verdes explica que o Goberno central aportará mediante o Plan estratéxico para o sector lácteo 40,2 millóns de euros, que garantirán axudas específicas ao 78% das explotacións leiteiras galegas. “O Goberno de Zapatero cumpre. Agora quen ten que cumprir é a Xunta de Galicia”. A socialista puxo como exemplo as accións levadas a cabo polo goberno autonómico de Asturias onde “mediante a modificación do Programa de Desenvolvemento Rural achegará aos gandeiros, que quedaban excluídos destas axudas, entre 40 e 80 euros por vaca. Cambio aprobado xa pola Unión Europea, -dixo-. Esta mesma estratexia puido levala a cabo a Xunta de Galicia e non o fixo. Perdéndose así uns 7 millóns de euros máis para Galicia, deles, ao redor de 800.000 euros para as explotacións da costa lucense”.
A vilalbesa lembra que “os gandeiros da Mariñá tamén teñen vocación de futuro, e tamén levaron a cabo esforzos por dimensionarse e están, tamén, a sufrir a crise e non é de xustiza que se vexan discriminadas, quedando fóra desas axudas”, incide.
A vicesecretaria da Executiva provincial advirte que “o PP intenta ocultar a realidade con estes ataques aos socialistas. Nós, tan só, pretendemos esixir á Xunta que tome medidas, como se fixo en Asturias. Pero, pola contra, aquí a Xunta pretende calar as voces dos sindicatos, dos gandeiros e da oposición; e ademais nin sequera son quen de escoitar as propostas que achegamos dende o PSdeG-PSOE para paliar esta situación”.
A tamén parlamentaria pide a deputada popular Emma Álvarez “que sexa máis cautelosa nas súas declaracións. Aquí non se trata de espantar á xente, trátase de estar todos xuntos, de traballar porque ningún gandeiro quede ao marxe das axudas. Trátase de que a Mariña lucense non se vexa desfavorecida e trátase de loitar pola consolidación do sector primario, base da economía galega. Os populares manipulan a realidade segundo a súa conveniencia”.
Para a socialista “o Partido Popular non é quen de aportar solucións, de aí que arremeta contra a Executiva provincial socialista, cando presentamos aos cidadáns datos reais e cando falamos da ineficacia e da pasividade da Xunta”, insistiu.