Nota de Prensa
OS SOCIALISTAS RECLAMAN A MORATORIA DOS 500 METROS, ATA A APROBACIÓN INICIAL DO PLAN DO LITORAL
– A portavoz de Ordenación Territorial e Urbanismo Mar Barcon, dixo que non hai que tomar ningunha “decisión apresurada, xa que pode conducinos a unha volta atrás”
– A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Parlamentario Socialista Carmen Gallego di que o POL “non define os usos prohibidos en territorios susceptibles de protección” e amosou a súa “preocupación”, polo que pode supoñer a apertura doutra “porta á implantación de instalacións acuícolas e eólicas en Rede Natura”
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2010. A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Parlamentario Socialista Carmen Gallego xunto coa portavoz de Ordenación Territorial e Urbanismo Mar Barcon, ofreceron unha rolda de prensa para demandar do Goberno de Feijoo que non se levante, o vindeiro 15 de maio, a moratoria para prorrogar os 500 metros, ata a aprobación inicial do Plan do Litoral.
Barcon anunciou que o Grupo Socialista rexistrou na Cámara Autonómica unha iniciativa para reclamar este compromiso. Asegurou que esta proposta non ten coma obxectivo a paraliza e obstaculizar ningunha decisión, por parte de Xunta. Asegurou que “é unha iniciativa meditada, rigorosa e que afonda no sistema de traballo que dende o PSdeG defendemos, e que debe rexer o sistema de traballo das políticas ambientais da nosa Comunidade”. Aludiu tamén a subcomisión creada en sede parlamentaria “que esperemos empece a traballar na vindeira semana”, e con todas estas aportacions, “o POL poida ser aprobado inicialmente”. Tamén sinalou que non hai que tomar ningunha “decisión apresurada, xa que pode conducinos a unha volta atrás”.
A portavoz socialista apuntou a petición de prórroga na necesidade de ter “un documento rigoroso” para “ordenar e planificar” os usos do litoral. Ademais lembrou que a Xunta debeu conceder aos concellos un mes máis para estudar o POL por mor da súa complexidade.
Pola súa parte a portavoz de Medio Ambiente Camen Gallego denunciou que os municipios afectados polo Plan de Ordenación do Litoral tiveron unha marxe “insuficiente” para estudar o texto antes de facer as súas achegas, xa que a elaboración e comprensión deste texto é “complexo e te nunha redacción farragosa”. Puntualiza tamén que “introduce confusión” en cuestións como a escala, a gama de cromatismo e en certas cuestións de tipo xurídico. E argumentou “non aclara a que terreos afecta”, neste punto criticou a súa aprobación antes das Directrices de Ordenación do Territorio.
A deputada socialista di que o POL “non define os usos prohibidos en territorios susceptibles de protección” e amosou a súa “preocupación”, polo que pode supoñer a apertura doutra “porta á implantación de instalacións acuícolas e eólicas en Rede Natura”, advertiu.
Asegura ademais sobre que o Plan do Litoral “que establece remates abruptos dos corredores ecolóxicos”, e que carece de instrumentos de compensación a particulares na delimitación destas zonas verdes.