NOTA DE PRENSA
OS SOCIALISTAS RECLAMAN QUE SE DECLARE O CONXUNTO DAS INSTALACIÓNS DO ANTIGO PORTO DE VIVEIRO, COMO INFRAESTRUCTURA EN DESUSO, CON FIN DE FACILITAR A REXENERACIÓN DA RIA
– O deputado socialista Ismael Rego sinala que o alcalde de Viveiro ten impulsado a proposta dunha actuación a realizar pola Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, de rexeneración de toda esta zona da costa na marxe dereita da ría de Viveiro entre a Ponte da Misericordia e o porto deportivo, para o que xa se teñen realizado conversas con responsables de portos de Galicia
Santiago , 29 de abril de 2010. O deputado do Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE Ismael Rego rexistrou no Parlamento unha Proposición Non de Lei na que reclama que se declare o conxunto das instalacións do antigo Porto de Viveiro como infraestructura en desuso, coa finalidade de facilitar a execución do proxecto redactado polo departamento de Costas do Goberno central, para a rexeneración da marxe dereita da Ría de Viveiro entre a Ponte da Misericordia e o Porto deportivo
O deputado socialista lembra que a actividade do porto pesqueiro de Viveiro, radicado no centro da vila, foi substituído na práctica polo Porto de Celeiro e o propio porto deportivo construído no contorno da ría que dá refuxio tamén a embarcacións de pesca artesanal, ata o punto de deixar claramente en estado de desuso todo o espazo axustado pola concesión feita no seu día para a construcción do peirao.
Rego explica , na iniciativa rexistrada, que a radicación do espazo portuario no centro do enclave urbano de Viveiro e as instalacións de naves e galpóns, na súa maioría en desuso, tapando unha parte importante da súa fachada marítima onde se atopan elementos tan senlleiros como a Porta de Carlos V. Ademais a propia necesidade deste enclave urbano tan referencial para o norte de Galicia de abrir espazos libres cara ao mar, fixo que dende hai anos os responsables do concello e a propia Xunta traballasen na dirección de ir eliminando os galpóns e naves negociando cos usuarios ou recuperando as concesións segundo estas foron caducando, o que trouxo como consecuencia a eliminación dun número considerable destas, aínda que non a súa totalidade como é desexable.
Sinala tamen que o alcalde de Viveiro ten impulsado a proposta dunha actuación a realizar pola Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, de rexeneración de toda esta zona da costa na marxe dereita da ría de Viveiro entre a Ponte da Misericordia e o porto deportivo, para o que xa se teñen realizado conversas con responsables de portos de Galicia. Pero advirte que polo de agora non deron os resultados desexados para que fose posible levar adiante este importante proxecto, aínda despois de que por parte do departamento de costas do Goberno central se teña mostrado disposición para financiar a totalidade dos custes, mesmo incluíndo os do rescate das ocupacións legais por terceiros sobre terreos afectados e as indemnizacións que legalmente resultasen procedentes.
Afirma que xa que se trata dun proxecto non só de alto interese para Viveiro senón tamén para o seu contorno comarcal, e despois do camiño andado, que non é pouco, pero aínda insuficiente, e polo que o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, presentan a proposición non de lei.