Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente do Pacto Territorial de Emprego da Mariña ve total desinterese da actual Xunta

A MARIÑA .- O presidente do Pacto Territorial de Emprego da Mariña Luguesa e alcalde de Burela,  Alfredo Llano García, da conta dos fins, medios e métodos do ente territorial de emprego do que asegura que “dedicouse exclusivamente a cumprir as directrices marcadas pola Xunta de Galicia en cumprimento do previsto no Decreto 98/2008. Directrices, que fai máis dun ano, non están a ser desenvolvidas desde o executivo autonómico”. LLano asegura que en “marzo houbo unha asemblea xeral para tratar de redefinir o Pacto e faltaron a dita reunión a práctica totalidade dos representantes do PP.  Como mostra do total desinterese da actual Xunta polos Pactos é que estiveron sen cobrar, os respectivos salarios, os técnicos da UPD de Foz as mensualidades de xaneiro, febreiro e marzo ata o 7 de abril. A opinión que deron sobre este asunto os membros do PP de Burela solo evidencia unha ignorancia preocupante e unha obsesión enfermiza de culpar de calquera cousa ó alcalde.

NOTA DE PRENSA

Aclaracións sobre o Pacto Territorial de Emprego da Mariña en resposta as manifestacións feitas nos medios por membros do PP

Os Pactos Territoriais de Emprego atópanse regulados polo Decreto 98/2008, do 15 de maio, polo que se crean e regulan os órganos consultivos denominados pactos territoriais de emprego. Este Decreto configura aos Pactos Territoriais de Emprego como un terceiro órgano colexiado de carácter administrativo adscrito ao departamento da Xunta de Galicia , xunto co citado departamento, están representados os axentes económicos e sociais así como tamén os concellos como Administración máis próxima as necesidades de emprego. O Decreto 98/2008,  establece as liñas mestras relativas á organización, funcionamento e obxectivos a cumprir polos Pactos Territoriais de Emprego:

Entre os obxectivos básicos a cumprir polos Pactos Territoriais, tal e como sinala o devandito Decreto atópanse os seguintes:

a) A análise das fortalezas e debilidades, oportunidades e ameazas no ámbito do emprego do pacto territorial.

b) O Plan de emprego do territorio no que se asenta e qué  como mínimo deberá incluír:

o Análise da situación, comprendendo:

1. Composición e características do seu tecido empresarial; determinación da súas necesidades de man de obra; sectores en progresión e sectores maduros.

2. Características sociais, económicas e ocupacionais dos traballadores ocupados e desempregados.

3. Determinación de recursos infrautilizados, posibles áreas emerxentes, posibilidades de desenvolvemento dos novos xacementos de emprego, no terceiro sector, etc. prestando especial atención ás posibilidades tanto de emprendemento como de xurdimento de empresas de economía social

4. Mapa de recursos actuais en materia de políticas activas de emprego e avaliación da súa eficacia e eficiencia.

5. Avaliación das infraestructuras, comunicacións, mobilidade dos traballadores e oferta de chan industrial.

o Plan de actuacións a levar a cabo no período 2008 – 2009 cara a acadar os obxectivos establecidos.

o Incardinación do Plan de Emprego noutros programas de desenvolvemento socioeconómico

o Proposta de avaliación e seguimento do Plan de Emprego.

c) A análise e avaliación da evolución dos diferentes indicadores de emprego do territorio do pacto.

d) O informe das diferentes propostas de actuación relativas a políticas activas de emprego que se desenvolvan no seu territorio.

Para o cumprimento destes obxectivos, existe un órgano concreto dentro dos Pactos Territoriais de Emprego encargado de elaborar a documentación técnica específica do Pacto: a comisión técnica/UPD.

Para a coordinación, desenvolvemento e seguimento periódico dos proxectos a desenrolar por todos os Pactos Territoriais de Emprego existentes na Comunidade Autónoma, a Xunta de Galicia estableceu un plan de etapas cuxa xestión se encargou a dúas consultoras privadas. A función principal das mesmas é a de trasladar ás diferentes comisións técnicas/ UPDs dos Pactos os pasos seguir para dar cumprimento os obxectivos marcados polo Decreto 98/2008, facilitarlles documentación e material de traballo para a realización dos seus estudos e informes procedente directamente da Xunta de Galicia, así como tamén organizar reunións periódicas entre as diferentes UPDs dos Pactos, de cara a facer un seguimento dos diferentes traballos que se estaban a realizar en cada Pacto. Todo elo có obxectivo final de que as diferentes UPDs dos Pactos cumprisen coas directrices establecidas no programa marcado pola Xunta de Galicia.

Antes de que se producise o cambio de goberno na Xunta de Galicia, en marzo de 2009, a comisión técnica/UPD do Pacto Territorial de Emprego da Mariña foi convocada a dúas reunións coas restantes UPDs dos Pactos, nas que se lles presentou o proxecto a desenvolver e se lles marcaron os primeiros pasos para comezar a traballar durante o primeiro semestre de 2009.

O traballo da UPD do Pacto Territorial de Emprego da Mariña durante este período consistiu en elaborar unha diagnose inicial do territorio do Pacto no período 2000-08 que se traduciu en 5 amplos estudos que se distribuíron entres os diferentes integrantes do Pacto e se presentaron ante a Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo no mes de Xullo de 2009.

Finalizada esta 1ª fase do proxecto, no segundo semestre de 2009, o seguinte paso foi a elaboración dunha análise DAFO a partir da diagnose inicial realizada, incorporando ademais outra serie de elementos de carácter cualitativo, froito da aportación particular de técnicos, ADLs e orientadores laborais do territorio así como tamén o resultado de diferentes enquisas sobre necesidades de formación e dificultades de contratación enviadas ás empresas máis representativas do territorio nos diferentes sectores de actividade. Así mesmo, e co obxectivo de incorporar ao DAFO, os datos máis actuais posibles, o equipo da UPD elaborou durante todo o 2009, máis dunha trintena de informes de carácter mensual, trimestral e semestral onde se ofrecía información sobre a evolución dos diferentes indicadores socioeconómicos e laborais do territorio. Análise DAFO que se concluíu no mes de Decembro de 2009 e que foi aprobado polo Comité de Dirección do Pacto o 11 de Febreiro de 2010. Análise que tamén se presentou na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo unha vez que foi aprobado polo Comité de Dirección.

Xunto con esta tarefa a Comisión técnica/UPD do Pacto Territorial de Emprego da Mariña abordou a tarefa de elaborar una web/blog onde se foron publicando todos os estudos, traballos e informes realizados desde o inicio do seu proxecto e se ofrece información puntual sobre a evolución das políticas de emprego no territorio de cara a dar a coñecer o traballo realizado nestes meses. A elaboración dunha web/blog non era un obxectivo marcado para os Pactos Territoriais, pero considerouse que era un bo xeito de facer público e dar a coñecer os traballos que se estaban a realizar desde o Pacto.

Como se pode observar polo descrito, o Pacto Territorial de Emprego da Mariña ceñiuse escrupulosamente a cumprir, desde a súa creación, os distintos puntos marcados no Decreto regulador dos Pactos, todo elo de acordo cos pasos que se ían marcando desde a Xunta de Galicia a través das consultoras encargadas da xestión destes órganos consultivos. Todos os obxectivos antes citados nos apartados a, b c e d foron xeitosamente acadados por este Pacto Territorial, a excepción do apartado d). En relación a esta cuestión hai que sinalar que lle corresponde aos diferentes Pactos Territoriais emitir un informe, en base á diagnose inicial, a análise DAFO e os restantes informes e estudos realizados no senso de cada un deles, sobre a conveniencia ou non da posta en marcha das políticas activas de emprego que se pretendan implementar en cada territorio: Obradoiros de Emprego, Escolas Obradoiro, cursos AFD, etc. Desde o cambio de goberno na Xunta de Galicia non se solicitou por parte do executivo autonómico ningún tipo de informe previo á implementación de tales políticas nos distintos territorios. A programación de políticas de emprego de abaixo arriba, é dicir, desde as Administracións máis próximas ao cidadán, elemento este que constitúe un dos motivos fundamentais polo que se crearon os Pactos Territoriais de Emprego, non se produciu en ningún momento, de maneira que tales políticas se puxeron en marcha sen ter en conta as análises realizadas polos Pactos Territoriais.

Para a realización de todos estas tarefas e fundamentalmente a partir do cambio de goberno na Xunta de Galicia en marzo de 2009, á UPD do Pacto Territorial de Emprego da Mariña, non foi convocada por parte das consultoras encargadas da xestión dos Pactos a ningunha outra reunión de seguimento do proxecto a desenvolver, salvo unha realizada no mes de Xullo na que unicamente se expuxo á situación na que cada Pacto se atopaba en relación a elaboración da diagnose inicial.

En reiteradas ocasións a UPD do Pacto Territorial de Emprego da Mariña se puxo en contacto coas citadas consultoras para coñecer cal ía a ser o futuro dos Pactos unha vez se produzo o cambio de goberno na Xunta, debido a que moitas das cousas que se explicaran ao inicio do proxecto non se estaban a cumprir. Ante tales preguntas, a respostas sempre eran as mesmas, estaban pendentes de reunirse có director Xeral de Promoción do Emprego para que lles indicara que se ía a facer cos Pactos e se se ía ou non a seguir co proxecto que desde a Xunta se programou ao inicio. Unha vez se produzo tal reunión a directriz marcada desde a Xunta e que se nos trasladou desde as consultoras foi seguir co establecido. Sen embargo, desde Xullo de 2009 non se volveu a convocar á ningunha UPD dos Pactos, e polo tanto tampouco a UPD da Mariña para seguir afondando no proxecto, que como vimos reiterando, foi marcado estritamente pola Xunta e todos os Pactos se limitaron a cumprir.

Xa pasou máis dun ano enteiro desde que se produzo o cambio de goberno na Xunta e a situación segue sendo a mesma, seguir co que estaba programado. Pero a realidade é que nin desde a Xunta, nin desde as consultoras encargadas da xestión dos Pactos se retomou o proxecto, como o demostra o feito que as diferentes comisións técnicas/UPDs, non volveron ser convocadas desde o pasado mes de Xullo de 2009.

A fase de diagnose do territorio está completamente rematada coa elaboración dos estudos realizados durante o pasado 2009. A seguinte fase pasa pola programación de accións concretas que axuden realmente a mellorar a empregabilidade no territorio, unha vez se identificaron e son coñecidos os problemas dos que adoece. Pero para acadar este obxectivo é preciso destinar recursos para a posta en práctica de medidas concretas e aí é onde lle corresponde á Xunta de Galicia adoptar un papel activo. Non debemos esquecer que os Pactos Territorias de Emprego, son uns órganos eminentemente consultivos e prepositivos, posto que carecen dos recursos para posta en marcha de tales medidas. A entidade promotora dos Pactos, unicamente recibiu una subvención para custear os salarios das persoas que forman parte das UPDs así como tamén para cubrir os gastos de funcionamento necesarios para desenvolver o seu traballo (material de oficina, teléfono, internet, etc.). Non ten polo tanto, cartos para poñer en marcha medidas concretas a partir das análises realizadas. Non é un órgano para crear emprego de forma directa.

En resumo, o Pacto Territorial de Emprego da Mariña, ao igual que os restantes Pactos, dedicouse exclusivamente a cumprir as directrices marcadas pola Xunta de Galicia en cumprimento do previsto no Decreto 98/2008. Directrices, que fai más dun ano, non están a ser desenvolvidas desde o executivo autonómico.

Non se pode acusar por tanto a este pacto territorial de non crear emprego e de ceñirse exclusivamente a facer análises e estatísticas, porque como vimos insistindo, limitouse a cumprir coas instrucións que viñan establecidas desde a propia Xunta e cos obxectivos marcados no seu Decreto regulador.

Que o señor Andrés Hermida, Director Xeral de Promoción e Emprego diga, en resposta a unha pregunta do Sr. Balseiro, que o Pacto Territorial de Emprego da Mariña non serviu para nada e que o propio Sr. Balseiro vexa confirmadas as súas sospeitas de que a oficina de Foz non servira para xerar ningún posto de traballo so indica dúas cousas:

a/ Que estes dous señores descoñecen totalmente a existencia e os obxectivos dos Pactos Territoriais. O cal é moi grave.

b/ Que pretendan enganar a opinión publica, sacando a desculpa de que non xeraron postos de traballo, para ocultar a súa ineficacia e desprezo os asuntos dos Pactos Territoriais ( xa que saben que desde o 1 de marzo do 2009 era unicamente responsabilidade da actual Xunta, da que eles forman parte,  a que debe marcar as pautas de traballo dos Pactos Territoriais). O cal é moito máis grave.

Hai que sinalar, tamén, que o 4 de marzo houbo unha asemblea xeral para tratar de redefinir o Pacto e faltaron a dita reunión a práctica totalidade dos representantes do PP.

Como mostra do total desinterés da actual Xunta polos Pactos é que estiveron sen cobrar, os respectivos salarios, os técnicos da UPD de Foz as mensualidades de xaneiro, febreiro e marzo ata o 7 de abril.

A opinión que deron sobre este asunto os membros do PP de Burela solo evidencia unha ignorancia preocupante e unha obsesión enfermiza de culpar de calquera cousa ó alcalde.

Alfredo Llano García.

Presidente do Pacto Territorial de Emprego da Mariña Luguesa

Exit mobile version