Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP sae ao paso das críticas respecto da denuncia da Fiscalía contra o presidente de Portos de Galicia

Nota de Prensa

Os  populares ven nas críticas socialistas ao Presidente de Portos de Galicia unha  cortina de fume para  tapar as liortas  internas do PSOE ao respecto da Lei do  Solo e lembran que non consta a admisión a trámite polo xuíz  da  denuncia  da Fiscalía nin polo tanto imputación algunha contra este alto cargo autonómico

O GRUPO POPULAR LEMBRA QUE MANUEL VÁZQUEZ E CARMEN  GALLEGO PUIDERON REVISAR A DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL DA PISCIFACTORÍA DE RINLO E NON O FIXERON

* Balseiro desenmascara a careta do PSOE que tan só pretende acusar por acusar en base a mentiras: o procedemento seguido foi avalado pola UE, que arquivou unha denuncia sobre esta mesma cuestión, e Declaración de Impacto Ambiental foi realizada antes das eleccións autonómicas e non por un Goberno en  funcións

* Tanto a UE como o anterior comisario de Pesca confirmaron que é posible desenvolver  industrias  acuícolas en terreos da Rede Natura, os mesmos nos  que se instalou a piscifactoría de Mira en Portugal, onde o bipartito expulsou un proxecto empresarial chamado a xerar riqueza e emprego en Galicia

Santiago, 09 de abril de 2010.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, vén saír ao paso das  críticas efectuadas desde o PSOE ao respecto da denuncia da Fiscalía contra  o  actual Presidente  de Portos de Galicia  por autorizar no ano 2005 a  declaración de impacto ambiental do proxecto  de piscifactoría de Rinlo, en Ribadeo (Lugo). O voceiro popular amósase sorprendido que tanto os socialistas Manuel Vázquez como Carmen Gallego cualifiquen como  “ilegalidades e mal procedemento” unha actuación que  puideron revisar desde  as súas responsabilidades de Goberno na Xunta bipartita e non o  fixeron. Resulta  especialmente  chamativo que como titulares  dos  departamentos autonómicos de Medio Ambiente e Pesca,  ningún dos entón conselleiros, revisaron esta declaración de impacto ambiental sobre o proxecto de piscifactoría de Rinlo.

Balseiro Orol  está convencido  que as críticas  do  PSOE queren ser  unha  cortina  de fume para tapar as  liortas internas do PSOE ao respecto da Lei do Solo, “pretenden acusar por acusar  e  o que é peor, o  fan en base a mentiras” xa que eluden  explicar que o procedemento seguido foi avalado pola Unión Europea,  que incluso chegou a arquivar unha denuncia da  organización ecoloxista nacionalista ADEGA sobre  esta mesma cuestión.  O voceiro do Mar corrixe tamén a Manuel Vázquez quen afirmou que a declaración de impacto ambiental foi aprobada por un Goberno en funcións, xa que tanto a súa remisión ao órgano que aproba (do 18 de maio) como a resolución pola que se fai publica (do 30 de  maio) son anteriores á cita electoral do 19 de xuño de 2005.

REDE NATURA COMPATIBLE COS PROXECTOS  ACUÍCOLAS

O voceiro do Mar do Grupo Popular volve a cualificar como “rotundamente falso” o repetido argumento dos socialistas de que non se poden facer plantas de acuicultura da Rede Natura, unha cuestión desmentida pola Unión Europea, en  resposta escrita, e polo anterior comisario de Pesca, así como tamén polos feitos, xa que a piscifactoría instalada na localidade portuguesa de Mira, está situada precisamente na súa maior parte en terreos desta rede de protección ambiental. Balseiro Orol insiste en que estamos a falar dunha normativa europea que é común e igual en todos os estados da Unión, e polo tanto aquí como en Portugal cara onde a Xunta bipartita expulsou a maior  granxa de  cría de rodaballo do mundo, un proxecto empresarial chamado a xerar riqueza e novos empregos en Galicia.

Exit mobile version