Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP critica o cumio sobre drogas porque a lancha de vixilancia aduaneira ten moitas avarías

NOTA DE PRENSA:
Enorme contraste entre o interese dos expertos pola loita contra as drogas e a pasividade da administración socialista incapaz de garantir a operatividade dun servizo esencial no combate ao narcotráfico

MENTRES LUGO CELEBRA O CUMIO SOBRE DROGAS O GOBERNO CENTRAL MANTÉN DESPROTEXIDA A COSTA LUCENSE POLAS CONTINUAS AVARÍAS DA LANCHA DE VIXILANCIA

ADUANEIRA DE RIBADEO

* Os populares rexistran unha iniciativa urxente no Parlamento de Galicia e nos concellos instando ao Executivo socialista a substituír de xeito inmediato a lancha Alcavarán II, con máis de 25 anos de antigüidade

Santiago, 21 de abril de 2010.- O deputado popular, Jose Manuel Balseiro Orol, puxo de relevo o enorme contraste existente entre o interese dos expertos pola loita contra as drogas e a pasividade e desidia da administración socialista que é incapaz de garantir a operatividade do Servizo de Vixilancia Aduaneira, un organismo esencial no combate contra o narcotráfico e outras redes organizadas.

O parlamentario popular explicou que mentres que na cidade de Lugo se celebra o cumio sobre drogas o Goberno central mantén desprotexida a costa lucense, como consecuencia das continuas avarías que inutilizan a lancha de vixilancia aduaneira con base no porto de Ribadeo e con ámbito de actividade no conxunto do litoral lucense. A pasividade da administración socialista leva incluso a que, segundo denuncian os propios traballadores, é maior o tempo durante o cal esta lancha estivo inoperativa que o tempo durante o que puido patrullar polo litoral.

Cómpre salientar que non é a primeira vez que ao longo dun amplo espazo de tempo o litoral norte lucense estivo sen vixilancia marítima contra o narcotráfico e outras actividades delictivas. Xa en abril de 2009, o Partido Popular facéndose eco de varias informacións xornalísticas e das denuncias dos propios traballadores do servizo, alertou das prolongadas avarías desta embarcación. Incluso o Parlamento de Galicia con data 4 de xuño de 2009, acordou reclamar ao Goberno central a que procedera a desenvolver as xestións oportunas para reforzar os medios persoais e materiais do Servizo de Vixilancia Aduaneira e, nomeadamente, do que ten a súa base no porto de Ribadeo, mandato que se está a incumprir reiteradamente.

OFENSIVA POPULAR

Balseiro Orol adiantou que na súa condición de deputado popular rexistrará unha iniciativa urxente no Parlamento de Galicia, así como promoverá accións similares nos concellos e nas Cortes Xerais, instando ao Executivo socialista a substituír de xeito inmediato a lancha Alcavarán II, que xa acumula máis de 25 anos de antigüidade. Precisamente a obsolescencia desta embarcación obriga a que se teñan que efectuar continuas tarefas de mantemento e, que sexan necesarias continuas reparacións que, á luz dos datos coñecidos, non están a ser realizadas en tempo e forma.

O Servizo de Vixilancia Aduaneira depende organicamente do Departamento de Aduanas e Impostos Especiais da Axencia Tributaria (AEAT) e, polo tanto, forma parte do conglomerado do Ministerio de Economía e Facenda. As súas operacións e investigacións están encamiñadas á represión dos delictos e infraccións tipificados na Lei Orgánica de Represión do Contrabando, en todo o territorio español, no seu espazo aéreo, e nas súas augas xurisdiccionais.

Exit mobile version