NOTA DE PRENSA:
A Mariña lucense foi protagonista destacada das decisións adoptadas na reunión desta mañá do Goberno que lidera o Alberto Núñez Feijóo
BALSEIRO SALIENTA O INVESTIMENTO SUPERIOR AOS DEZ MILLÓNS DE EUROS COMPROMETIDO HOXE POLA XUNTA NA NOSA COMARCA
* O deputado popular subliña que se trata de actuacións de grande importancia para estes concellos, moi demandadas polos veciños e que o anterior executivo bipartito non fixo.
* Consello da Xunta: 1,2 M€ para as infraestruturas urbanas do concello de Viveiro, 5,6 M€ para dotar de servos aos núcleos de San Cosme, San Pedro, San Miguel de Reinante e Reinante en Barreiros, e 465.000 máis para a execución dunha depuradora e colectores de saneamento na parroquia cervense da Senra
* A estas boas novas Balseiro engádelle a licitación con 3,1 M€ para a mellora das estradas e seguridade viaria na LU-612, LU-152 nos concellos do Valadouro e Foz.
A Mariña, 8 de abril de 2010.- Chuvia de millóns para a nosa comarca que foi protagonista destacada das decisións adoptadas na reunión desta mañá do Goberno que lidera Alberto Núñez Feijoo. Neste senso, o deputado popular Jose Manuel Balseiro salienta o investimento superior aos sete millóns de euros comprometido hoxe polo Consello da Xunta en distintas actuacións de grande importancia nos concellos de Viveiro, Barreiros e Cervo. Todas elas, actuacións “moi demandadas polos veciños e que o anterior Executivo bipartito non foi quen de executar”.
VIVEIRO
O máximo órgano de Goberno da Xunta acordou achegar 1,2 millóns de euros para infraestruturas urbanas no concello de Viveiro. Entre as dotacións previstas está a rehabilitación da cuberta do patio interior, así coma o interior das dúas plantas dun edificio de titularidade municipal, sito no núcleo histórico da vila, rúa Irmáns Vilar Ponte, fronte á igrexa de Santa María.
Outra das actuacións será na estrada de Xunqueira a Magazos e consistirá mellora do pavimento das beirarrúas, permitirá o acceso das persoas con discapacidade física, e a reposición das luminarias posibilitará reducir o consumo enerxético adoptando bombillas de baixo consumo. Por último, Medio Ambiente destinará 100.000 euros ao acondicionamento e mellora da 2º planta do Conservatorio Municipal de Viveiro.
Na parroquia de Celeiro levarase a cabo a creación do novo campo de fútbol de Lavandeiras para o desfrute dos cidadáns Os habitantes da parroquia de Galdo beneficiaranse da mellora da súa rede de saneamento, instalando novos colectores que poidan abastecer a dispersa poboación do lugar e que eviten as verteduras incontroladas provocadas pola deficiente instalación actual. En Pallaregas, parroquia de Covas, levarase a cabo a ampliación da rede de sumidoiros e en Celeiriño as obras irán encamiñadas a rexenerar o ámbito urbano, xa que as vivendas que o conforman teñen unha singularidade especial. Ademais, acometeranse melloras na rede de saneamento, abastecemento de auga e subministración eléctrica.
BARREIROS
No tocante ao concello de Barreiros, a Xunta achegará 5,6 millóns de euros, tras autorizar a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Barreiros para financiar e executar os proxectos de urbanización, abastecemento e saneamento que proporcionen aos veciños de San Cosme, San Pedro, San Miguel de Reinante e Reinante os servizos básicos necesarios para o desenvolvemento da súa vida diaria.
CERVO
En Cervo o Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio de colaboración técnico- financeira entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Cervo para a execución das obras de saneamento no núcleo da Senra. O Goberno galego financiará o 100% do custe destas obras para a construción dunha depuradora e colectores de augas residuais que darán servizo a 300 veciños desta parroquia.
NOVAS LICITACIÓNS PARA MELLORAS EN VARIAS ESTRADAS
A estas boas novas Balseiro engádelle unha noticia máis coñecida no día de hoxe, isto é a licitación con 3,1 M€ para a mellora en varias estradas da Mariña. Máis en concreto, a achega de 2,1 millón de euros para a rehabilitación do firme e mellora da seguridade viaria na estrada LU-612 Ferreira do Valadouro- Cangas de Foz e 1.023.123 euros para a dotación de beirarrúas e mellora do pavimento da estrada LU-152 por treitos no concello de O Valadouro.
O montante total das achegas da Xunta este xoves ascende a 10 M€.