NOTA DE PRENSA:
Os populares constatan o bon ritmo das obras do campo artificial da Marosa.
González Barcia afirma que “foi o PP quen impulsou e quen fai esta obra”.
Os populares deséxanlle “ambición e sorte” ó Burela Fútbol-Sala feminino na Copa de España.
O Grupo Municipal do PP de Burela visitou hoxe as obras de construcción do campo de fútbol artificial da Marosa, e constataron que as obras do mesmo van ó ritmo previsto na programación das mesmas.
O portavoz do GMPP, José María González Barcia, destacou que as obras rematarán durante o verán, e poderán ser usadas na vindeira temporada futbolística. Barcia indicou que así se cumpren os compromisos con Burela da Xunta de Galicia que preside Núñez Feijoo. O voceiro popular lembrou que foi o PP, desde o goberno municipal de Burela, quen iniciou os trámites para facer realidade esta obra, que supón un investimento de cincocentos cincuenta mil euros. Pero tamén dixo que foi o PP burelés, coa chegada do PP á Xunta hai un mes, quen impulsou e desbloqueou a obra, obra que a Xunta bipartita e o bipartito burelés foran incapaces de xestionar despois de facer moreas de anuncios sobre a mesma.
Para os populares, esta obra significa unha aposta decidida por Burela en xeral e polo deporte en particular. Barcia aproveitou para manifestar que desde hai dez meses o PP burelés informou en todo momento á S.D. Burela dos trámites que el mesmo e o seu equipo estaban a facer coa Xunta para sacar adiante a obra “e mesmo tivemos reunións en Santiago con responsables de Deportes”. “Desde o PP, dixo Barcia, traballamos por e para Burela e a xente coñece en todo momento as xestións que facemos”.
Finalmente, o GMPP desexoulle ó Burela Fútbol-Sala feminino que xoga a vindeira fin de semana a Copa de España en Ourense “ambición e sorte, porque o máis difícil, xogar este torneo, xa está conseguido”, confiados en que o equipo pode aspirar ó máis algo, pero recoñecendo en todo momento que chegar hasta onde se chega, no primeiro ano na División de Honra, é un reto difícil de igualar e sen dúbida o maior logro acadado a nivel deportivo en Burela e practicamente na comarca. O GMPP anunciou a presencia de alomenos un dos seus membros no partido de cuartos que se xogará o venres na cidade das Burgas.