Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP da Mariña presentará moción nos concellos para cambiar o pacto territorial de emprego

NOTA DE PRENSA:

Presentarán mocións municipais promovendo o cambio de obxectivos destas oficinas de tal xeito que non se limiten a facer estatísticas, como ata o de agora, senón que intermedien con empresas na loita contra o paro
O PP DA MARIÑA RECLAMARÁ A REFORMULACIÓN DO PACTO TERRITORIAL DE EMPREGO PARA QUE AXUDEN AOS CONCELLOS Á CREACIÓN POSTOS DE TRABALLO

* Postos en marcha polo bipartito en 2008, malia que contan cun orzamento bianual de 322.000 euros e 5 técnicos-especialiastas, non foron quen de facilitar a contratación de ningún desempregado en todo este tempo.

A Mariña, 17 de abril de 2010.- Os populares reclamarán a reformulación do Pacto Territorial de Emprego da Mariña –cuxo ámbito de actuación son todos os concellos da nosa comarca, máis Riotorto e Muras- de tal xeito que os equipos técnicos que os compoñen axuden aos concellos na complicada tarefa de crear novos postos de traballo. Con esta finalidade, desde o PP comarcal presentarán mocións municipais promovendo o cambio de obxectivos destas oficinas, de tal xeito que non se limiten a facer estatísticas, como ata o momento, senón que intermedien dun xeito activo coas empresas e poñan en marcha estratexias de loita contra o paro.

Malia que o Pacto Territorial de Emprego da Mariña naceu no ano 2008 co bipartito, a pesares de que contan cun orzamento bianual achegado pola Xunta que supera os 322.000 euros e cun cadro de persoal de 5 técnicos especialistas, non foron quen de facilitar a contratación de ningún desempregado en todo este tempo na nosa comarca. Este notable fracaso, certificado en sede parlamentaria polo actual director xeral de Promoción do Emprego, quen tamén adiantou a necesidade de reformulalos, preocupa seriamente aos populares polo que urxen a necesidade de impulsar as modificacións oportunas para que deixen de ser uns chiriguitos e de verdade axuden a reducir o número de parados.

Finalmente os populares da Mariña tamén amosaron a súa sorpresa porque o actual presidente da asociación impulsora deste pacto, o socialista Alfredo Llano defenda a continuidade do modelo actual do Pacto de Emprego malia que á vista dos resultados foi un notable fracaso. Intúen que esta defensa ten por obxecto xustificar a contratación dunha edil do seu partido, a través dun tribunal presidido polo propio Llano, máis lamentan que non estea pola labor de modificar o seu funcionamento de tal xeito que poidan beneficiarse do mesmo non só cinco os técnicos que traballan na oficina de Foz, senón tamén todos os que neste momento están desempregados e buscan un traballo.

Exit mobile version