REFERENCIA
Hoxe asinouse o contrato polo que entra en vigor o novo servizo que permite as gardas físicas na base de Celeiro para que a aeronave estea sempre operativa
O Pesca II xa conta con tripulación operativa as 24 horas do día
A partir desta noite, o Pesca I e o Pesca II da Consellería do Mar xa están operativos as 24 horas do día durante todo o ano, xa que en xuño implantouse este sistema no Pesca I, con base en Vigo
Amplíase o persoal do servizo aéreo de Gardacostas, con 10 pilotos e 7 rescatadores máis
Mar garante así unha maior seguridade en todo o litoral galego cun prazo de resposta de 10 minutos para activar cada aeronave
Santiago, 31 de marzo de 2010.- As bases dos helicópteros do Servizo de Gardacostas da Xunta–Pesca I e o Pesca II- xa dispoñen de tripulación ás 24 horas do día durante todo ano. O secretario xeral da Consellería do Mar, Francisco Vidal-Pardo e o subdirector xeral de Gardacostas, Lino Sexto, asinaron hoxe o contrato coa empresa adxudicataria (UTE Inaerhelicópteros off-shore S.A. /Hispacopter S.L.) polo que entra en vigor o novo servizo que permite as gardas físicas na base de Celeiro, para que o Pesca II estea sempre operativo.
Así, a partires das 00:00 horas desta madrugada as tripulacións realizarán quendas de maneira que sempre haxa profesionais no hangar dispostos a saír inmediatamente ante calquera posible emerxencia. Este mesmo sistema implantouse no Pesca I, con base en Vigo, no mes de xuño. Co reforzo da base de Celeiro, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, dá cumprimento a unha das prioridades do seu departamento de reforzar o servizo de operatividade da tripulación. Con este novo modelo, o servizo aéreo de Gardacostas aumenta o seu plantel con 17 profesionais máis, ao pasar de 8 pilotos a 18 e de 2 a 9 rescatadores.
Ademais este sistema garante a reducción a 10 minutos do tempo de resposta para activar calquera dos dous helicópteros da Consellería do Mar ante calquera emerxencia en toda a costa galega, optimizando así os recursos materiais dos que dispón a Xunta.
A Consellería do Mar reformulou o servizo de rescate aéreo e aumentou a súa capacidade operativa ao dotarlle de máis recursos humanos e técnicos, xa que ata o de agora os tripulantes estaban na base durante a mañá e o resto do día tiñan que estar localizables, polo que podían pasar ata 30 minutos ata que se mobilizaba aos pilotos. Agora, estando permanentemente no hangar, a reacción é de 10 minutos como máximo.