RIBADEO .- Os ribadenses depositaron nos doce últimos meses 250.000 kilos de residuos nos contedores amarelos, segundo os datos que daba a coñecer na xornada de hoxe o concelleiro de Medio Ambiente. Horacio Cupeiro amósase satisfeito polo esforzo realizado polos veciños na reciclaxe e agarda que sigan a ser responsables e que non se relaxen.
O edil nacionalista explicou que “hai uns días mantiven un encontro coa coordinadora de Ecoembes en Galicia no que me explicou que en Ribadeo recolléronse nos últimos doce meses un total de 250.000 quilos de residuos nos contedores amarelos (envases, briks e latas). A cantidade recollida aquí por habitante casi triplica á media estatal, xa que estamos en 25,4 quilos por habitante e ano, cando en España se chega tan só aos 10, 2 e en Galicia estamos nos 9,2. Esto indica que a xente está a reciclar e a seleccionar, algo que nos satisfai no equipo de goberno”.
Cupeiro sinalou que “tamén se melloraron moito as porcentaxes de impropios que se depositan nos contedores amarelos, hai meses que estamos por debaixo do 30% a partires do que non pagaríamos ningún tipo de penalización. A pesares de todo esto quero pedirlles aos veciños que non debemos relaxarnos, ao contrario debemos de continuar sendo responsables, demostrando que Ribadeo é un Concello responsable cos residuos”.
O concelleiro de Medio Ambiente considera que “debemos continuar con esta liña de descenso de impropios e para conseguilo temos que mellorar en varias cousas. Hai xente, un 8%, que ainda deposita vidro no contedor amarelo, un 5% tamén deixa papel e algúns que deixan materia orgánica… debemos evitar botar vidro, papel e materia orgánica nestes contedores. Si melloramos un pouco máis poderemos pasar de penalizarnos a primarnos, por iso é tan importante que melloremos en todo esto”. Horacio Cupeiro fai unha chamada á poboación para que non “deixen as bolsas fora dos contedores e tampouco o cartón abandonado, agás nos días e nas horas da recollida porta a porta, non queremos que se deixen na rúa voluminosos ou aparatos eléctricos fora dos días estipulados para a súa retirada. Fai moi mal efecto ir paseando por calquera sitio e que a xente se atope cos residuos abandoados de calquera maneira. É mellor que nos avisen para ir recollelos e así evitaremos ter que andar na busca todos os días dun televisor, dunha nevera ou dun palé que quedaron por aí depositados”.