Nota de Prensa
Burela
A COMISIÓN EXECUTIVA DO CONSORCIO DA AUGA DECIDIRÁ A FINAIS DE MAIO O PERSOAL CO QUE CONTARÁ A ETAP. OS GASTOS ESTIMADOS EN CONSUMO DE ENERXÍA E TRABALLADORES PODERÍAN RONDAR OS 750.000 EUROS AO ANO.
Burela, 29 de abril de 2010. A presidenta de Augas de Galicia, Ethel Vázquez Mourelle, asistiu á xuntanza do Consorcio de xestión e explotación da rede básica do abastecemento de auga aos Concellos de Cervo e de Burela celebrada esta mañá. No encontro participaron tamén os dous alcaldes e un técnico encargado das obras.
Ao seu remate o rexedor de Burela, Alfredo Llano, dixo que “estivemos falando de cómo pechar prazos, de cómo considerar a xestión do Consorcio, etc. Quedamos para facer unha comisión executiva a finais do mes de maio, na que tentaremos aprobar as contas, pedir os créditos que lle fixeran falla ao Consorcio e imos valorar o consumo que teñen tanto Cervo como Burela para saber ata onde podemos chegar para equilibrar o prezo da auga.” O alcalde explicou que “fixemos unha valoración sobre o mantemento da ETAP, sobre a xente que fará falla para traballar alí, os técnicos consideran que serían necesarios un xefe de pranta, dous peóns técnicos, un administrativo e un xerente. Esto temos que analizalo para ver si os contratamos a través dunha empresa ou si é mellor que nós saquemos as prazas… tamén comentamos cuestións relativas ao consumo de enerxía tanto para a ETAP como para o bombeo do embalse de Ríocobo, xa que suporía un custe de 650.000 euros ao ano, que con todo o mantemento e o persoal podería chegar aos 750.000 euros”.
Alfredo Llano cre que “o servizo comenzará a funcionar en setembro, agora mesmo o que hai que facer é pasar unha canalización nunha das estradas de Fomento e unha vez que estea lista a obra estaría rematada. Temos que ver si a partires desa data o Consorcio pode facerse cargo do que é o abastecemento en xeral”.
Lodos no embalse de Rúa
O rexedor burelés amósase preocupado “pola cantidade de lodos que hai agora mesmo no embalse de Rúa e consideramos que neste proxecto xa non se pode levar adiante porque hai que facer un presuposto diferente, hai que condicionalos á nova normativa de Medio Ambiente. Esta cuestión agora hai que aplazala por que é cara, pero a medio prazo hai que sacalos de aí, son 20.000 metros cúbicos que estorban nese embalse. Hai que insistir neste asunto para que se proceda a limpar o antes posible o embalse e así ter garantías de contar con moita auga durante moito tempo”.
Nota de Prensa
Cervo
O CONSORCIO DA AUGA DE CERVO E BURELA REUNIRASE O MES QUE VEN PARA VALORAR OS CUSTES DEFINITIVOS DE EXPLOTACIÓN DO SERVIZO
Cervo, 29 Abril de 2010.- No día de hoxe tivo lugar unha reunión de carácter ordinario do consello reitor do consorcio para a xestión e explotación da futura rede de auga aos concellos de Cervo e Burela, a cal estivo presidida por Ethel Vázquez, responsable de Augas de Galicia e presidenta de dito consorcio, xunto cos representantes municipais dos concellos de Cervo e Burela.
Segundo indicou o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, entre os asuntos abordados figuraban cuestións relacionadas coa intervención económica deste organismo autónomo encargado de xestionar a rede de abastecemento que proporcionará auga potable a ámbolos dous municipios. “Tratamos distintas cuestións de carácter económico de cara á posta en funcionamento do consorcio e falamos das diversas opcións para afrontar a súa xestión. Entre outras cousas, cuantificouse un prezo estimado de venta do metro cúbico da auga por parte do consorcio aos Concellos de 0,17 ou 0,18 euros o metro cúbico e fixemos unha valoración inicial dos custes de explotación anual de dito servizo, así como dos posibles ingresos previstos, que aínda temos que cuantificar dun xeito definitivo” indicou Villares.
Neste sentido o rexedor sinalou que para levar a cabo esta valoración os representantes de ámbolos dous concellos comprometéronse a remitir ao consorcio unha cuantificación dos usuarios do servizo de subministro de auga nos seus respectivos municipios. “Deste xeito, o que pretendemos é coñecer dunha forma precisa e exhaustiva cales serán os gastos e tamén os ingresos cos que se terá que mover o consorcio” dixo. Por isto está previsto que os membros do consorcio se reúnan novamente a última semana de maio para fixar xa dun xeito definitivo os custes reais de explotación “e abordar con datos concretos os distintos trámites económicos que terá que realizar o consorcio para poder comezar a funcionar unha vez rematen as obras” recalcou o alcalde.
Villares dixo tamén que entre os tipos de xestión barallados na xuntanza de hoxe non se descartou a externalización do servizo por un período dun ano a partir da posta en marcha da rede compartida. “Falamos de que ao mellor era bo darnos un marxe de tempo prudencial para ir vendo como van funcionando as cousas e levar adiante a xestión do consorcio a través dunha empresa externa durante o primeiro ano do funcionamento da nova rede. Nese tempo teríamos a oportunidade de ir vendo detidamente como se vai desenvolvendo este servizo e poderíamos aquilatar máis polo miúdo os seus custes de explotación e tamén as súas necesidades reais, así como as posibles problemáticas que podan xurdir” indicou Villares, quen recalcou que esta opción de xestión era “unha máis” das baralladas polo consorcio.
Ao marxe destas xestións económicas que terá que realizar o consorcio para poder comezar a funcionar unha vez rematen as obras, na xuntanza tamén se deron a coñecer por parte dos técnicos os prazos que manexan para o remate dos traballos desta rede de abastecemento, os cales poderían estar finalizados á volta do verán, “sempre e cando non xurda ningún imprevisto” adiantou o rexedor cervense.