Site icon Crónica3.com A Mariña

O Congreso aproba unha iniciativa do BNG para aumentar a potencia de embarcación

Nota de Prensa

O CONGRESO APROBA UNHA INICIATIVA DO BNG PARA QUE O GOBERNO AUMENTE A POTENCIA DAS EMBARCACIÓNS DE BAIXURA, MARISQUERO A FLOTE E DE EXTRACCIÓN DE PERCEBE

Olaia Fernández Davila denuncia que a actual lei estatal “está feita para o Mediterráneo, pero non para Galiza, onde se precisan máis potencia nas embarcacións para traballar con seguridade”

Madrid, 14 de abril 2010 .- O Congreso dos Deputados aprobou esta tarde unha iniciativa da deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, pola que se lle demanda ao Goberno que incremente a potencia autorizada para as embarcacións pesqueiras de menos de 15 metros de eslora, que en Galiza abrangue ás flotas de baixura, marisqueo a flote e de extracción de percebe.

A iniciativa foi aprobada na Comisión de Medio Ambiente, Agricultura e Pesca a pesar dos votos en contra do PSOE e logo de que o BNG aceitase unha emenda do Grupo Popular.

Davila advertiu de que a última reforma do Goberno, o Real Decreto 1579/2009, publicado no BOE do 10 de outubro do pasado ano, “aínda significando unha mellora, os novos parámetros de potencia autorizada nos motores seguen sendo insuficientes para a flota galega”.

“É posíbel que esta normativa sexa válida para o mar Mediterráneo ou outras zonas do Estado español, pero non para Galiza, onde as condicións meteorolóxicas e o estado do mar son máis adversos e polo tanto é necesaria unha maior potencia pesqueira nas embarcacións para poder traballar en condicións de seguridade”, subliñou Davila durante a súa intervención.

Neste sentido, a deputada do BNG precisou que o incremento da potencia dos motores “é necesario para que os mariñeiros poidan traballar en condicións de seguridade, non para realizar un maior esforzo pesqueiro”.

Texto da iniciativa do BNG

Ante esta situación, a proposición non de lei aprobada hoxe insta ao Goberno a:

“Modificar a normativa vixente en materia de potencia propulsora máxima permitida a buques menores de 15 metros de eslora total para a súa adaptación á realidade e ás necesidades da flota pesqueira galega e do Estado español, ao obxecto de posibilitar o incremento da potencia propulsora e, polo tanto, a legalización plena e a viabilidade no futuro destas embarcacións con porto base en Galiza e no resto do Estado, así como a navegación das mesmas con criterios de seguridade no mar e maior calidade de vida no seu traballo·”.

Contar co sector para determinar os novos topes

En segundo lugar, a iniciativa insta ao Goberno a que “para a fixación e determinación dos novos topes e condicións de propulsión contarase co contraste e a participación de técnicos das entidades e organizacións do sector pesqueiro de baixura, marisqueo a flote e extracción de percebe”.

“A lei debe adaptarse á realidade de Galiza, que concentra máis da metade da flota de todo o Estado”

A deputada do BNG subliñou a necesidade desta modificación da normativa vixente para que se teña en conta a especificidade de Galiza, onde se concentra máis do 50% da flota pesqueira do Estado español, e para, en definitiva, mellorar a seguridade e as condicións de traballo no mar”.

Das arredor de 8.000 embarcacións pesqueiras censadas en Galiza, unhas 7.800 son barcos de pequeno tamaño, da flota artesanal que está afectada por esta normativa.

Exit mobile version