RIBADEO (FNC) .- Os maiores ribadenses que desexen contar cun pequeno horto en pleno centro da vila xa poden inscribirse na área de Servizos Sociais do Concello. O alcalde presentou hoxe os denominados hortos ecolóxicos nos que se poderán cultivar todo tipo de productos para consumo propio.
Fernando Suárez dixo que “estamos diante dunha iniciativa atractiva e importante sobre todo para a xente do ámbito urbano da vila de Ribadeo e tamén novidosa na comarca da Mariña ainda que xa ten certo percorrido en cidades ou en vilas de tamaño medio. Trátase de facer uns hortos ecolóxicos para que estean a disposición tanto da xente maior como daquelas familias que teñan nenos pequenos e que queiran achegarse un pouco ás prácticas de cultivo”.
O rexedor sinalou que “esta actividade querémola facer desde o punto de vista do ocio e do lecer, para eso estamos acondicionando unha terra que non é propiedade municipal, senón que se trata dunha cesión gratuita condicionada polo seu propietario, pero en tanto esto non teña un desenvolvemento urbanístico queremos aproveitar unha ampla zona moi céntrica para poñer en marcha estes hortos ecolóxicos. Estamos a dotar a esa finca dunha cuberta de terra vexetal onde faremos un vaiado e crearemos unha serie de parceliñas duns 20 metros cadrados e as cederemos a todas aquelas persoas que o soliciten e que cumpran cunhas determinadas condicións”.
Suárez Barcia suliñou que “aquí non queremos favorecer que a xente que vaia labrar estas parcelas venda despois os seus productos, non estará permitido este tipo de actividade, só o facemos con carácter de ocio, para que os máis nenos poidan aprender dos maiores que tiveron vinculación co agro, pero que por vivir na zona urbana non teñen esa disposición e botaban de menos ter un hortiño para labrar un tomate, unha leituga ou para entreterse. Trátase dun entretemento e insisto en que eses productos só poderán empregarse para consumo propio, non estará permitido ningún tipo de transacción económica con todo isto”.
O alcalde de Ribadeo convida “a todas aquelas persoas, xente maior ou familias con nenos, interesadas neste proxecto a que se inscriban na área de Servizos Sociais do Concello. Penso que dentro de poucas semanas estará rematado o acondicionamento dese terreo e iniciaremos esta andadura de hortos ecolóxicos, que conta cunha axuda importante da Deputación Provincial de Lugo. Quixémolo facer hai tempo, pero como choveu moito estes meses non era o momento apropiado e agora coa primavera sí. Agardo que en poucas semanas esta iniciativa se vexa con todo o seu esplendor”.