Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo organiza actos informativos para que os veciños coñezan como lles afecta o POL

CERVO .- O Concello de Cervo ten prevista a organización de varios actos informativos para que os veciños do municipio coñezan de primeira man o contido do Plan de Ordenación do Litoral no término municipal.

Para isto ten prevista a organización de varios actos, os dous primeiros terán lugar o luns, 19 de abril, nas antigas escolas unitarias da parroquia de Gondrás (19.30 h.) e na Casa da Cultura de San Ciprián (20.30 h.); mentres que o martes, día 20 manterán xuntanzas no local social de Lieiro (19.30 h.) e na Casa Consistorial (20.30 h.).

Nestas catro citas os membros do equipo de Goberno local e técnicos municipais estarán a disposición de tódolos veciños que queiran asistir para coñecer polo miúdo en que medida afectará o Plan do Litoral nas distintas parroquias e zonas do municipio. “O que pretendemos é ofrecer unha información veraz para tentar clarexar dunha vez por todas tódalas dúbidas sementadas de xeito malintencionado entre a poboación nestes meses atrás polos integrantes do BNG” indicaron desde as filas do grupo de Goberno.

Os responsables locais afirmaron que dende a publicación do borrador do Plan do Litoral o voceiro nacionalista local, Xoán Antón Estúa, estivo facendo gala entre os cidadáns do municipio da súa “incapacidade” para saber interpretar os planos, “ou o que é aínda peor, pretendeu confundir e desinformar aos veciños coas súas críticas erradas sobre o POL” aseguraron.

Por debaixo dos 500 metros

Os integrantes do Goberno cervense reiteraron que o POL non afecta a ningún espazo catalogado como solo urbano ou núcleo rural –onde se concentra a maioría das edificacións do concello- e tampouco ao polígono de Cuiña “por estar urbanizado e desenvolvido”. Ademais, indicaron que a afectación do POL está por debaixo dos 500 metros en todo o termo municipal menos nun pequeno punto, a franxa do contorno de Alcoa, área de mellora medioambiental onde está previsto clasificar como solo urbanizable industrial ou terciario.

Así mesmo aclararon que o actual borrador do POL non deixaría fora de ordenación ningunha edificación de uso residencial que non estivera antes nesta situación, “polo que de novo o voceiro local do BNG mentiu cando cifrou as vivendas afectadas en máis de 200”. Tamén explicaron que é falso o afirmado polo edil nacionalista, pois “nin Gondrás, nin os núcleos de Cuiña, Fontao, Casa Novas, Espiñeirido, Riocobo, Guioncho, A Venta, O Castelo, Figueirido e Daián están afectados polo POL en absoluto” aseguraron.

“Por todas estas terxiversacións malintencionadas ou debido á falta de coñecementos na materia do único concelleiro nacionalista na corporación é polo que queremos manter estas xuntanzas e clarexar dunha vez por todas e de xeito rigoroso en que consistirá o Plan de Ordenación do Litoral” insistiron dende as filas con responsabilidade de Goberno no consistorio cervense.

Exit mobile version