Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo oferta para participar nun programa de compostaxe doméstica nos domicilios

CERVO .- O Concello de Cervo ten previsto implantar un programa de compostaxe doméstica nos domicilios do municipio que queiran participar neste proxecto medioambiental, os interesados poderán apuntarse na Casa do Concello ou nas oficinas municipais da casa da Cultura de San Ciprián

Nota de Prensa

O CONCELLO DE CERVO IMPLANTARÁ UN PROGRAMA DE COMPOSTAXE DOMÉSTICA

* A idea de por en marcha esta iniciativa xurdiu despois de constatar no Concello o interese de varios veciños nesta alternativa ecolóxica

* Os interesados en participar poderán apuntarse na Casa do Concello ou nas oficinas municipais da casa da Cultura de San Ciprián

Cervo, 19 de abril de 2010.- O Concello de Cervo ten previsto implantar nos vindeiros meses un programa de compostaxe doméstica nos domicilios do municipio que queiran participar neste proxecto medioambiental, así o anunciou no día de hoxe o alcalde de Cervo, Alfonso Villares.

Segundo indicou o rexedor, a idea de por en marcha esta iniciativa xurdiu despois de constatar no Concello o interese de varios veciños nesta alternativa ecolóxica dirixida ao reciclaxe da materia orgánica nos domicilios mediante a instalacións nas súas casa de composteiros domésticos. “En vista do interese de varios veciños puxémonos en contacto cos responsables de Sogama para solicitar deles o seu apoio e respaldo nesta iniciativa” indicou Villares.

O rexedor indicou que a transformación da materia orgánica en compost nas vivendas permitirá aos veciños que decidan participar neste programa reducir nun 50% as cantidades de residuos a depositar nos colectores convencionais “o que permitirá unha diminución da frecuencia de recollida dos mesmos polos servizos municipais, ademais dunha menor cantidade de residuos entregados a Sogama e por conseguinte, un menor importe das facturas emitidas por esta empresa” sinalou.

Por iso, o Goberno local pretende agora abrir un período para que todos aqueles veciños que desexen participar neste programa podan formalizar a súa inclusión nesta iniciativa e se podan informar máis polo miúdo de tódolos seus detalles. Os interesados en participar só teñen que achegarse ás dependencias da Casa do Concello de Cervo ou ás oficinas municipais da Casa da Cultura de San Ciprián.

O programa a implantar no concello contempla a adquisición de composteiros por parte do Concello e Sogama. Estes recipientes distribuiranse nas vivendas dos veciños participantes na iniciativa para facilitar a transformación da materia orgánica en compost. Ademais, e co fin de garantir uns resultados satisfactorios, a previsión do Goberno local é levar adiante unha intensa campaña educativa e de concienciación social que tomará forma de cursos de formación e que correrá a cargo de expertos na materia, ademais de visitas de seguimento “porta a porta”, onde persoal axeitado comprobará o proceso levado a cabo por cada unidade familiar participante no programa e corrixindo desta forma as posibles malas prácticas ou solucionando dúbidas ao respecto.

Estas actuacións de sensibilización reforzaranse coa edición de diverso material didáctico e divulgativo, que servirá de apoio na tarefa informativa e formativa.

Exit mobile version