Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela preguntará a delegada da Xunta pola paralización de obras en vivendas protexidas

BURELA (FNC) .- O Concello ven de solicitar unha entrevista coa delegada territorial da Xunta para saber por qué están paralizadas as obras de reparación previstas nas Casas Baratas e nas vivendas de protección da rúa do Río. Uns traballos aos que o anterior goberno galego destiñou un millón de euros.

A concelleira de Benestar Social explica que “dende o Concello de Burela dirixímonos á Delegación Territorial da Xunta en Lugo para solicitar unha entrevista na que coñecer de primeira man as razóns polas que as reparacións previstas nas Casas Baratas e nas vivendas de protección da rúa do Río se atopan paradas”.

Neves Cando sinala que “despois de varias xestións feitas ante da Delegación de Vivenda dende hai xa meses e das que non se obtivo ningunha resposta ao respecto e despois de que a xunta directiva da asociación de veciños das Casas Baratas se puxese en contacto con nós para amosarnos a súa preocupación pola falta de noticias sobre as obras das súas vivendas, decidimos facer esta solicitude oficial para tratar de avanzar nesta falta de solución da Xunta”.

A edil nacionalista lembra que “estas actuacións se enmarcan dentro dun compromiso asinado pola anterior conselleira de Vivenda, a nacionalista Teresa Táboas, e que respondía ás demandas dos veciños destas vivendas ante o estado de deterioro dos seus tellados que nunca antes recibiran ningún de arranxo por parte da administración autonómica. Dentro deste compromiso contemplábanse tres actuacións, en primeiro lugar a reparación dos tellados das 50 vivendas do grupo San Juan Bautista das Casas Baratas, que supoñían un investimento de máis de 560.000 euros e que xa tiña concedida a licenza municipal para acometer ditas obras; en segundo lugar, a reparación dos tellados das 52 vivendas do grupo Antonio Garelli tamén das Casas Baratas que tiñan unha inversión prevista de 330.000 euros e o proxecto xa aprobado; e por último a reparación dos tellados das 42 vivendas de protección da rúa do Río nas que se ían investir uns 100.000 euros e que tamén tiñan o proxecto listo”.

Cando engade que “despois de máis dun ano de goberno do PP na Xunta de Galicia estes proxectos están parados e os veciños agardando a que se fagan estas obras das que, como dixen antes, algunhas xa tiñan a licenza municipal lista para levalas a cabo. Os veciños e nós tamén estamos preocupados por esta situación e reclamamos unha resposta. Despois de décadas sen acometer ningunha obra de reparación destas vivendas o BNG na anterior Consellería de Vivenda decidiu actuar e atender as demandas destes veciños investindo máis dun millón de euros nestas obras e agora o PP na Xunta paróunas porque nada sabemos do tema e xa pasou tempo dabondo para continuar o proceso. Os veciños destas vivendas queren saber si o PP, agora na Xunta de Galicia, vai cumprir estes compromisos ou non e si o PP renega destes compromisos xa asinados e tramitados e lles da as espaldas aos veciños de Burela ou non”.

Exit mobile version