BURELA (FNC) .-. Esta semana deron comezo os traballos de reasfaltado do camiño de Campo Capelo por parte do persoal da brigada de obras do Concello, “que complementa á maquinaria desprazada pola Deputación de Lugo”, segundo explica o concelleiro de Obras e Servizos, Pascual Doménech.
O edil socialista manifesta que “o parque móbil achegado polo organismo provincial consta de rodillo compactador, camión semirremolque de transporte de áridos e camión con cuba de rego asfáltico. Os traballos consistirán en desenvolver as obras correspondentes a un asfaltado e limpeza de cunetas que deixe en debidas condicións de ser usado o citado camiño. Ademais se pretende dar un bó servizo tanto ás vivendas alí existentes, como aos donos dos terreos e propiedades que teñen a súa entrada por Campo Capelo”.
Pascual Doménech anuncia que “proximamente tamén se desprazará a Burela máis maquinaria da Deputación de Lugo, unha motoniveladora, unha retroexcavadora e un camión cargador para a limpeza e mellora dos camiños rurais, sobre todo os do entorno da área recreativa de Monte Castelo, o Camiño Real e os que desembocan nel e os camiños paralelos á variante. Todas estas actuacións lévanse a cabo para o adecentamento, limpeza de cunetas, corte de taludes e nivelación dos camiños que quedaron deteriorados ben polo duro inverno padecido, ou ben, polo seu uso continuo ao dar moito servizo a todos os bureleses que teñen as súas propiedades ao redor destas pistas”.
O concelleiro de Obras e Servixos engade que “sendo deber do Concello o mantemento e conservación destes camiños, agradecemos a aposta feita pola Deputación de Lugo pola súa máxima cooperación cos Concellos, xa que estes traballos acarrearían un importante gasto ás arcas municipais si tivésemos que asumilos en solitario”.