BURELA (FNC) .- A oficina de turismo recibiu máis de cen visitas ao día durante a semana santa. O concelleiro de Turismo asegura que Burela avanza de forma significativa na súa condición de destino dentro da Mariña.
José González Legazpi sinalou que “dende a oficina de turismo de Burela, se ten rexistrado nestes tres días festivos unha afluencia de visitantes de proporcións semellantes ás do verán, xa que algo máis de cen persoas diarias estiveron a interesarse polo noso concello e tamén pola comarca da Mariña”. Segundo o edil de Turismo “a procedencia maioritariamente foi da nosa comunidade autónoma principalmente do eixo atlántico, seguida de Asturias e tamén foi moi representativa a afluencia de persoas chegadas dende a capital de España e do norte peninsular, concretamente de Cantabria e País Vasco, pero tamén de Castela-León… en definitiva acreditase o interese do turismo de cercanía que na actual conxuntura económica ten unha maior posibilidade de acomodación para o visitante, ao tempo que se manteñen tamén algúns achegamentos procedentes de países europeos”.
O concelleiro nacionalista considera que “isto é o resultado do traballo que se ven facendo na divulgación e participación en certames de ámbito indistinto e que fan posible o achegamento de visitantes ao noso concello en épocas non estacionais como foron estes pasados festivos de semana santa. Ademais con toda seguridade nos posicionan en condicións moi favorables de cara ao incremento de visitantes a Burela durante o vindeiro verán”.
Influencia na economía local
González Legazpi engadiu que “estamos satisfeitos da información positiva que nos manifestan dende os locais de hostalería de Burela ao respecto da afluencia de visitantes durante estes días e da súa boa repercusión. Tamén unha boa parte do comercio local nos achegou información no mesmo sentido, sobre todo na xornada do sábado, non só das persoas que se deixaban ver pola rúa, se non incluso das vendas que se produciron; por tanto este esforzo de cara á proxección turística do concello tamén representa unha condición positiva para os sectores socioeconómicos locais e un avance progresivo nas políticas de cara ao afianzamento na desestacionalización e por conseguinte no desenvolvemento xeral do turismo en Burela”.