Nota de Prensa
O BNG INTERESASE NO PARLAMENTO POLAS INTENCIÓNS DO PP PARA A CONSERVACIÓN DESTE XACEMENTO
Os nacionalistas reclaman a conservación in situ do xacemento tal como ditaminara a anterior Dirección Xeral de Patrimonio
Os nacionalistas cren que o Partido Popular esqueceu o que demandaba fai un ano en relación á conservación do Castro da Atalaia
Iniciativas para coñecer as intencións da Xunta en relación á conservación do xacemento
O BNG interesarase polas intencións da Consellaría de Cultura para a protección do Castro da Atalaia tendo en conta que as catas arqueolóxicas ordenadas pola anterior Dirección Xeral de Patrimonio puideran estar a piques de rematar. Os nacionalistas queren saber cal é a posición actual do Partido Popular a respecto deste xacemento e lembraron que as últimas demandas do parlamentar Balseiro fai escasamente un ano, reclamaban a súa compra por parte da administración galega, cando estaba na oposición. A evidencia e numerosos informes técnicos acreditan a importancia do Castro de Punta Atalaia, agora queda por coñecer de que maneira se vai conservar.
O BNG defende a conservación in situ do xacemento en liña coa aposta da anterior Dirección Xeral de Patrimonio.
Os nacionalistas “apostan pola conservación “in situ” e posta en valor do xacemento de Punta Atalaia como elemento cultural de gran valor patrimonial e reclamo turístico de primeiro orde para a vila de San Cibrao e o concello de Cervo”. O portavoz municipal nacionalista, Xoán Estúa, fixo fincapé no feito da existencia deste xacemento “que para si quixeran moitos concellos xa que con este patrimonio conservado e visitábel, a oferta cultural e turística do concello sería veríase incrementada dun xeito relevante”. Para Estúa agora o importante e coñecer cales son os informes emitidos despois das últimas prospeccións arqueolóxicas, si e que estas están rematadas, e cal vai ser a solución que ofrece o actual goberno galego para o Castro da Atalaia.
Críticas ao goberno local por non defender un patrimonio ao que se lle pode sacar un gran beneficio cultural e turístico.
“Estúa criticou a falla de sensibilidade dun goberno municipal que coñecendo a existencia dun ben patrimonial destas características foi capaz de mirar cara outro lado cando corre perigo de destrución, ou da o visto bo a licenzas de construción coñecendo a súa existencia e sen informar a Patrimonio ou ao propio promotor.” Neste sentido, “Estúa lamentou que tiveran que ser os veciños e a oposición municipal quen se puxera á fronte da defensa dun xacemento que o concello negou durante moito tempo, até que as evidencias lles fixeron cambiar o discurso”. Estúa incidiu nas súas críticas ao goberno local que tratou de impedir o inventariado do castro mediante a presentación dun recurso en xuño de 2007.