NOTA DE PRENSA
O BNG distribúe en Foz unha publicación sobre o POL
O POL establece algún tipo de protección no 22,7% da superficie do Concello de Foz.
Foz, 20 de abril de 2010.- O Bloque Nacionalista Galego vai continuar coa súa campaña informativa sobre as consecuencias que o Plano de Ordenación do Litoral (POL) ten no Concello de Foz e neste sentido ven de editar un número monográfico da súa publicación “Avante” que nesta semana se vai remitir á totalidade das vivendas da localidade.
Na presentación do número especial do Avante na que participaron os tres concelleiros nacionalistas, o Portavoz Municipal do BNG afirmou que “o compromiso do BNG é coa información e coa transparencia, por iso queremos que os veciños do noso Concello coñezan de primeira mao a proposta que a Xunta plantexa para o noso Concello. A función que estamos a facer hoxe nós era a que se debía estar a facer desde o grupo de goberno, polo que o silencio do mesmo, só se explica porque non saben, non queren ou andan máis preocupados en resolver as súas leas internas”
Basanta que entende que a proposta de ordenación que ven de propoñer a Xunta a través do POL vai facer bo o PXOM de Rivera considerou “decepciónantes as reunión mantidas coa Xunta, posto que os responsábeis autonómicos non pasaron das boas palabras, ficando na inconcreción e sen garantir ningunha modificación substantiva no documento. Mesmamente non hai garantía algunha por parte dos responsábeis autonómicos que teñan vontade de introducir modificación algunha antes da aprobación inicial prevista para o 15 de Maio. O que si esta claro é que a Xunta segue adiante coa súa vontade de aprobar antes de final de ano este documento, co que está evidenciando as mentiras dos responsábeis do PP”.
Nesta mesma dirección o Portavoz Municipal do BNG instou ao PP local “a que se defina publicamente, e lle explique aos veciños se lle parece ben a proposta de ordenación que o POL fixa para Foz. O silencio do PP local non só deixa claro a ausencia de calquera tipo de peso político por parte do grupo municipal popular, que actúan conforme ao “si boana” e as ordes que lle chegan dos concellos do lado, senón que non deixa lugar para a dúbida de que os populares de Foz están a antepoñer os intereses de PP aos intereses do Foz”.
O Grupo Municipal Nacionalista considera un auténtico despropósito as solucións que o POL propón para o Concello de Foz, ao hipotecar o desenvolvemento futuro do Concello fóra do ámbito da vila ao non recoñecer o resto dos asentamentos como núcleo de identidade litoral senón porque establece algún tipo de protección para uso residencial no 22,7% do total do territorio municipal. Basanta criticou que “ Cangas, Nois, Fazouro, A Espiñeira ou Mañente non aparecen recoñecidos como núcleos de identidade litoral o que vai significar a imposibilidade do seu desenvolvemento na práctica aínda que sexan definidos neste ámbito como solo de núcleo rural” e asemade denunciou que a Xunta non dea a coñecer os planos para os ámbitos de recualificación que se fixan para as áreas de mellora ambiental a pesar de que a Consellaría os ten elaborados.