NOTA DE PRENSA:
O BNG DEMÁNDALLE Á XUNTA QUE MANTEÑA NA MARIÑA O SERVIZO DE UNIDADE MÓVIL PARA A DETECCIÓN PRECOZ DO CANCRO DE MAMA
Santiago de Compostela, 26 abril 2010.- O BNG ven de presentar no Parlamento Galego unha iniciativa na que lle demanda á Consellaría de Sanidade que manteña na comarca da Mariña o servizo da unidade móbil para a detección precoz do cancro de mama.
Os deputados do BNG advirten de que, tal e como recoñeceu a Consellaría de Sanidade no Parlamento Galego o pasado 7 de abril, “o Goberno do PP confirmou a súa intención de desmantelar as catro unidades móbiles que se movían por toda Galiza, unha delas na Mariña, utilizando como escusa a austeridade”.
Sen embargo, os deputados nacionalistas lembran que “estes equipos son necesarios para garantirlle o acceso á todo a poboación, especialmente ás mulleres maiores do medio rural que teñen problemas de mobilidade para desprazárense até os hospitais de referencia”.
Ademais, salientan que “a existencia destas unidades móbiles contribúe a faicilitar a accesibilidade das mulleres a este dispositivo preventivo tan importante, xa que evita a desmotivación que lles suporía teren que acudir a un hospital para realizar as probas”.
Neste sentido, o BNG advirte de que “a comarca da Mariña verase afectada pola desparicición da unidade móbil que estaba funcionando e que viña permitindo que centros de mulleres se incorporaran ao programa de prevención do cancro de mama sen teren que desprazarse fóra do seu concello”.
Ante esta situación, os deputados do BNG pregúntanlle á Consellaría de Sanidade cómo ten previsto garantir a accesibilidade ao programa de prevención do cancro de mama ás mulleres da Mariña que viven en lugares sen transporte público con horario axeitado aos centros hospitalarios.
Por último, os deputados do BNG pregúntanlle ao Goberno do PP canto pensa aforrar coa eliminación da unidade móbil que atendía á comarca da Mariña.