As promesas baleiras do PP
Desde o BNG de Xove aseguraron estar agardando por “unha pouca modestia” dos populares nas súas actuacións públicas tras os múltiples incumprimentos das “promesiñas” políticas do PP, dado que non se pode terxiversar a información do xeito que están a facer e, así mesmo, un goberno municipal debería actuar con responsabilidade e sentido común. Os nacionalistas quixeron lembrar que “Marco fala de Xove e o equipo de goberno fala de Marco”, en referencia a que o Partido Popular de Xove non fai outra cousa que criticar o traballo ben feito do responsábel local do BNG, Marco López.
Na formación nacionalista enumeraron como exemplos de incumprimento do PP a nivel local: lograr que Xove sexa un referente en crecemento económico e industrial, a promesa de realizar unha auditoría de todo o Concello, a extensión da rede de saneamento a todas as parroquias, a apertura de novas rúas (en plural), a ampliación do Polígono de Camba, a creación do Cinto Industrial de Alcoa, a construción de vivendas de protección oficial para a xente nova, o desleixo coa Vía de Alta Capacidade, o anunciado Plan de Choque para combater os problemas laborais e de desemprego ou a incidencia no PXOM do Plan do Litoral e da Lei do Solo promovidas polo goberno “amigo” de Feijóo.
Nun ano de xestión do goberno do PP na Xunta: a economía galega caeu máis do 7 % do PIB, o paro subiu un 15 %, máis de cen pequenos negocios pechan cada mes, desapareceron un milleiro de explotacións gandeiras, subiuse o prezo dos libros de texto, perséguese o galego nas escolas, os servizos sociais privatízanse e aumentaron perigosamente as listaxes de espera da sanidade.