Nota de Prensa
O BNG DE VIVEIRO INSISTE EN PEDIR A RETIRADA DO POL
O Bloque Nacionalista Galego de Viveiro quer pór en coñecimento de todos os veciños e veciñas que segue a defender a retirada do Plan de Ordenación do Litoral
( P.O.L. ).
Este posicionamento do B.N.G. foi sempre exposto con claridade meridiana en todas e cada unha das reunións informativas mantidas nas distintas parroquias do concello durante os meses de marzo e abril.
O B.N.G. solicitou a criación dunha Comisión de Estudo do P.O.L. que até a data de hoxe nunca se reuniu, a pesar de ser aprobada en Pleno a súa constitución.
O pasado 23 de marzo presentamos unha moción solicitando a retirada deste proxecto. Esta moción non foi aínda debatida e convocada a sesión de pleno para o día 29 de abril, inclúese no ponto 12 da orde do día, despois do primeiro ponto que corresponde a “ aprobación, se procede, do informe e alegacións sobre o P.O.L.”
Entendemos que o lóxico sería tratar antes de calquer iniciativa que pretenda alegar ao P.O.L a moción do BNG xa que solicita a retirada do proxecto.
A devandita moción foi presentada polos nacionalistas en varios concellos da Mariña e asumida polo goberno da Deputación de Lugo, onde foi aprobada o 30 de marzo pasado.
O BNG segue a manter que o P.O.L. non é adecuado para Galiza e tampouco para o noso concello. Os redactores do Plan Xeral de Ordenación coinciden posteriormente coa valoración do BNG expresada xa no mes de febreiro, o que vén demostrar que análise feita polos nacionalistas e defendida nas reunións informativas cos veciños e veciñas non vai descamiñada.