Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG chama a manifestarse o 1º de Maio para que os traballadores non paguen a crise

NOTA DE PRENSA:

Os nacionalistas demandan unhas novas políticas que non fagan pagar a crise aos traballadores

O BNG chama a manifestarse o 1º de Maio.

O Consello Comarcal do Bloque Nacionalista Galego chama aos veciños e veciñas da Mariña a participar e apoiar a mobilización que o sindicalismo nacionalista ten convocada para o vindeiro sábado 1 de Maio ás 12:30 en Ribadeo con saída desde o edificio sindical.

A convocatoria do Dia do Internacionalismo Proletario deste ano ten unha especial significación para os mariñaos e as mariñás polo contexto económico a nivel nacional e internacional no que se celebra esta data. Un contexto económico dunha forte crise económica que pon en evidencia o modelo de desenvolvemento neoliberal que guiou as políticas de case que a totalidade dos países do mundo. Non estamos diante dunha crise calquera, estamos diante dunha crise sistémica, que afecta a todos os sectores da actividade económica e de xeito particular ao sistema financeiro, vítima dunha forte crise de liquidez. Outra volta máis, por desgraza para os galegos e para as galegas, atinaron os agoiros dos nacionalistas que levamos afirmando desde a década dos oitenta que este capitalismo de casino, fundamentando nun modelo especulativo era unha vía morta de desenvolvemento.

Os galegos e as galegas cuxos niveis de benestar e de progreso están a cola do Estado e de Europa van padecer con especial virulencia esta crise ao ter un sistema de protección menos desenvolvido que o dos países do seu contorno e por encabezar os índices estatais de temporalidade laboral. Non podemos deixar de denunciar neste contexto as medidas de choque contra a crise que ven de facer públicas o Goberno de Zapatero e que van na liña de que sexan os traballadores e traballadoras quen paguen a mesma. Aumentar a idade de xubilación e os anos cotizados para a mesma, fomentar as rebaixas fiscais para aquelas persoas cuns niveis máis elevados de renda, transformar o imposto das sucesións ou regalar á banca importantes sumas de diñeiro non son máis que medicamentos neoliberais, para unha situación económica que está orixinada precisamente polas políticas neoliberais.

Os nacionalistas queren que se repare na situación que atravesa a comarca da Mariña nomeadamente no que ten a ver coa destrucción do emprego tanto no sector industrial, no de servizos, como na construcción. Asemade queremos denunciar os problemas de liquidez que afectan a negocios e familias e moi particularmente as consecuencias que esta está a provocar no réxime de autónomos que se está a dar na comarca, con feches dun importante número de comercios. Na mesma liña esiximos solucións para o sector pesqueiro e o sector lácteo vítima dunha política e importación de productos doutros territorios da unión Europea que evidencia que o modelo europeo é un modelo ao servizo dos estados centrais como Franza onde o resto de territorios operamos como meros consumidores.

Neste sentido queremos denunciar a inactividade da Xunta de Galiza á hora de facerlle fronte á crise económica, lembremos que o Presidente Feijoo comprometeu rematar coa mesma en tres meses e a situación ten empeorado de xeito alarmante desde a súa chegada ao goberno. Na mesma liña o BNG urxe da Xunta de Galiza un cambio de rumbo nas súas políticas sociais e particularmente na súa cruzada por desmantelar os servizos públicos, comezando pola sanidade e a educación e continuando con aqueles que teñen a ver cos aspectos sociais. Tampouco é de recibo a compracencia da Xunta coa política dos directivos das caixas galegas, que poñen en risco a pervivencia dun sistema financeiro propio e de orientación pública, que dote de financiamento ao noso sistema produtivo.

O Bloque Nacionalista Galego quer chamar á reflexión das maiorías sociais deste país para que sexan conscientes que o central dunha crise é o xeito na que esta se xestiona. Se a crise de 1929 abriu as portas a alianza capital traballo sobre a que se fundamentou o estado de benestar, a crise de 1973 trouxo consigo a aplicación das políticas de axuste neoliberal, polo que compre agora acumular as forzas necesarias para que esta crise signifique o fortalecemento de políticas pensadas para as clases traballadoras. Só o campo social do nacionalismo garante unhas políticas económicas para as maiorías sociais.

Asemade o polo político do nacionalismo entende que vai ser fundamental a organización e a loita da clase obreira para responder ás agresións contra os traballadores e traballadoras para criar esa maioría social que faga posíbel unha Galiza socialmente máis xusta. Non nos cabe ningunha dúbida que a CIG, reforzada nesta comarca tras converterse na primeira forza sindical, vai estar á altura das circunstancias. Os nacionalistas galegos somos conscientes da imposibilidade do actual marco xurídico político para garantir o modelo social que defendemos por iso seguimos a loitar por unha Galiza ceibe e popular.

Exit mobile version