RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, quere que o Ministerio de Fomento informe aos veciños sobre as súas intencións para a construción do segundo enlace desde a A-8 a Ribadeo en dirección Asturias.
O rexedor lembra que “hai aproximadamente un ano a través dunha proposta do BNG no Congreso éste aprobaba por unanimidade unha petición para que o Ministerio de Fomento executase un acceso a Ribadeo desde A-8 en sentido Asturias. Todo o mundo sabe que desde Asturias a Galicia os conductores poden desviarse nas rotondas e acceder desde Vilaselán a Ribadeo, pero calquera vehículo que circule desde Galicia hacia Asturias non pode chegar á nosa vila a través deste acceso central. Daquela hai un ano o Congreso aprobou dirixirse ao Ministerio para que fixese esa obra, pero vai pasado o tempo e non fai nada”. Suárez Barcia engade que “eu hai uns meses, nunha viaxe a Madrid por outros asuntos de interés municipal, falei con altos responsables de Fomento e confirmáronme a súa intención de facer este acceso, pero nada se fai e nada se move. Teño que dicir que cando pregunto teño boas palabras, pero sei que estas cousas van moi despacio, primeiro hai que facer un esdudio, despois redactar un proxecto, logo hai que expoñelo ao público, licitar a obra e adxudicala… e con todo esto pasan catro ou cinco anos”.
Fernando Suárez valora de xeito positivo que “o BNG no Congreso pregunte cal é a situación do estudio para construir este enlace, cándo se fará, os prazos que baralla, o coste previsto e en definitiva que executen canto antes o que foi aprobado unánimemente. Como alcalde de Ribadeo sí que vexo moi ben que se axilice e que se pregunte por esta obra e que o Ministerio de Fomento nos diga algo aos veciños e ás veciñas de Ribadeo sobre unha obra tan demandada coma ésta”.